26 DE MARZO DE 2026
Fotos: Extol MTB Team
A clasificación elite feminina da Copa de España de Cross Country Maratón (XCM) pertence ás corredoras galegas. Tres bikers da nosa comunidade coparon o podio da súa categoría este domingo no desafío estremeño da Titán de los Ríos, segunda cita no calendario do certame estatal. Raquel Román (Extol MTB Team) comandou a tripla das nosas maratonianas.
A viguesa chegaba como líder elite a Miajadas, ao sur da provincia de Cáceres, onde ampliou a súa diferenza ao mando da xeral. O percorrido de 93 quilómetros e 1.700 metros de desnivel positivo completouno cun tempo de 5 horas e 16 minutos, ocupando a terceira praza na táboa absoluta a 6:28 da sub-23 estremeña María Reyes Murillo (Extremadura-Ecopilas) e a 5:43 da máster-30 andaluza Conchi Báñez (Animal Race). Raquel Román recibiu o premio de gañadora da súa categoría xunto á betanceira Mar Delgado (Xesteiras), sexta clasificada absoluta, e á mosense Susana Alonso (Extol MTB Team), sétima entre todas as mulleres.
A outra vitoria galega na décima edición da Titán de los Ríos asinouna o máster-40 Uxío Canosa (Extol MTB), o mellor dos nosos representantes absolutos ao rematar 13º cunha marca de 4:12:52. O amesán ascende á segunda praza na xeral do seu grupo de idade, quedando a só 2 puntos do liderado. Entre os 50 primeiros tamén concluíron Yago Fernández (Xesteiras), 15º e sétimo elite; Ignacio Casal (Extol MTB Team), 26º e 11º elite; Diego Marnotes (Extol MTB Team), 30º e 13º elite; Sergio Mariño, 36º e 11º máster-30; e Adrián Caamaño (Extol MTB Team), 41º e oitavo sub-23.

A próxima xornada puntuable da Copa de España de XCM terá lugar o 12 de abril de novo en Estremadura, esta vez na localidade de Jerez de los Caballeros (Badajoz), coa disputa do Pre-europeo Templarios MTB Race.
BTT
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es