Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O calendario da Copa Galicia Máster vai a máis no 2025

12 DE MARZO DE 2025

A competición que arranca este domingo aumenta o seu número de carreiras respecto ás últimas edicións. Ribadeo, Volta a Lugo, Challenge As Rías Baixas, A Estrada e Memorial Fernando Abad, as cinco citas

O-calendario-da-Copa-Galicia-Master-vai-a-mais-no-2025

Foto: Club Ciclista Eo

O primeiro certame autonómico de estrada da temporada 2025 bota a rodar esta fin de semana. O II Trofeo Máster Vila de Ribadeo activa este domingo o calendario da Copa Galicia Máster, que esta campaña medra en canto a carreiras puntuables. Serán cinco, unha cifra que non se alcanzara nas edicións disputadas despois da pandemia. 

A competición coordinada pola Federación Ciclismo Galego concéntrase en dous meses e medio. Logo da apertura na Mariña Lucense, a segunda cita chegará na mesma provincia coa Volta a Lugo Máster o 5 de abril. No evento do Club Ciclista Chantadino repartirá puntos para a Copa Galicia a etapa do sábado con inicio e final en Escairón. O mesmo sucederá a comezos de maio, o día 3, en territorio pontevedrés coa Challenge As Rías Baixas na que o Club Máster da Louriña exerce de anfitrión. A tirada inaugural será a que conte para o certame autónomico.

A seguinte proba está fixada para o 24 de maio, o XI Trofeo Concello de A Estrada, a clásica do Club Ciclista Santiago na provincia de Pontevedra. Por último, as clasificacións xerais resolveranse o 1 de xuño no Memorial Fernando Abad, a carreira na que o Club Ciclista Tambre recorda en Sigüeiro, no concello coruñés de Oroso, a figura do seu inesquecible presidente. Gustavo Santiago nos 30, José Ignacio Méndez 'Mesneiro' nos 40, José María Tajes nos 50 e Jose Carlos Riol nos 60 foron os gañadores das camisolas de líderes finais da Copa o ano pasado.  

Presentación Vila de Ribadeo

O Trofeo Máster Vila de Ribadeo, organizado polo Club Ciclista Eo e o Concello, desvelou os detalles da súa segunda edición este martes nun acto celebrado no Pazo de Ibáñez. A saída está prevista para as 11:00 horas no Parque San Francismo, mesmo punto no que concluirá a carreira sobre as 13:00 horas despois dun percorrido de 77 quilómetros. O prazo para inscribirse remata este mércores. Fai click nesta ligazón para anotarte

Á presentación desta cita asistiron Manuel Otero, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo; Francisco José Silvent, concelleiro de Deportes; Iván López, técnico municipal de Deportes; Dani Vega, alcalde de Ribadeo; Marcelino López e Ismael Rey, presidente e secretario do Club Ciclista Eo; e Lázaro López, do Club AeroDynamics.

imagen

Francisco José Silvent declarou: “Ribadeo segue acollendo diferentes eventos deportivos nas fins de semana, que contribúen a dinamizar os negocios da nosa vila e son tamén unha boa promoción turística para quen nos visita. O turismo deportivo vai a máis e iso tamén é importante para un concello como o noso”. 

Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMáster25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

GALERÍA DE FOTOS

O calendario da Copa Galicia Máster vai a máis no 2025
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es