Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa de España Elite e Sub-23 chega este sábado a Padrón cunha nova edición da Rutas Xacobeas

04 DE MARZO DE 2026

Luke Valenti (Cortizo) lidera a xeral despois das dúas primeiras carreiras puntuables

A-Copa-de-Espana-Elite-e-Sub-23-chega-este-sabado-a-Padron-cunha-nova-edicion-da-Rutas-Xacobeas

Foto: RFEC

A Copa de España de ciclismo Elite e Sub-23 regresará este sábado a Padrón coa celebración da XIII Rutas Xacobeas, terceira proba dun campionato que reúne aos mellores corredores da categoría. Á fronte da súa organización, estará un ano máis o Club Ciclista Padronés Cortizo, pendente tamén do desenvolvemento deportivo do seu equipo, o cal pelexará polo triunfo diante da súa afección.

Os de Marcos Serrano chegan á cita encabezando a clasificación con Luke Valenti. O canadense suma 170 puntos tras a vitoria no Circuito Guadiana e o sétimo posto logrado o domingo no Trofeo Guerrita. Por detrás, séguenlle Diego Gutiérrez (Natural Greatness) e Jon Conejero (Smartlog Nest), a 25 e 45 puntos respectivamente. O Cortizo corre en casa e tratará de reeditar unha vitoria que se lle resiste desde fai catro anos, cando venceu con Eric Fagúndez. “Queremos gañar ante o noso público, pero os rivais tamén pelexan polo mesmo obxectivo. O que si é certo é que esta temporada, ao non coincidir coa penúltima xornada do campionato, correremos con menos presión. Despois do sábado, aínda quedarán sete probas e a Copa continuará totalmente aberta”, explica Serrano.

Coa celebración da Rutas Xacobeas, Padrón dá o pistoletazo de saída a dous meses de ciclismo de altura. O 12 de abril, disputarase a Clásica de Pascua, encadrada nesta edición no calendario UCI. Poucos días despois, o pelotón profesional volverá visitar a capital do Sar co final da terceira tirada de O Gran Camiño. En maio chegará outra cita histórica, cando a vila rosaliana acolla unha etapa de La Vuelta Femenina. “Padrón será este ano a capital do ciclismo galego”, lembra o seu alcalde, Anxo Arca, á vez que convida os afeccionados a que saian á rúa este sábado para animar aos corredores.

CRUXEIRAS E AUGASANTAS

A Rutas Xacobeas repetirá o percorrido da súa última edición cun percorrido moi quebrado de 179 quilómetros e dous altos claves: Cruxeiras e Augasantas.

O pelotón tomará a saída ás 10:00 horas na Avenida de Compostela camiño de Rianxo pasando por Bexo, primeira cota puntuable da xornada. De regreso a Padrón, a carreira desviarase en Pazos para afrontar o segundo porto, A Grela, na parroquia teense de Lampai. Unha vez coroado, seguirán por Luou, Cornide, Casalonga e Milladoiro ata Santiago, coa Meta Volante de Ponte da Rocha como punto destacado. Aí, virarán pola AC-543 cara a Bertamiráns, onde se situará o primeiro Esprint Especial. Despois, deixarán atrás Os Ánxeles, a Meta Volante de Bastavales e A Picaraña para volver a Padrón e iniciar a parte máis dura do percorrido. Unha vez completado o primeiro paso por Formarís, a carreira dirixirase pola N-550 cara a Casalonga, virando nese punto cara á capital do concello de Teo, Ramallosa.

imagen

Aínda que non son cotas puntuables, os pasos por Faramello e Cornide poderían facer selección antes de Cruxeiras, onde chegarán tras deixar atrás Pontevea e Carcacía. Cruxeiras é unha subida curta e explosiva cunha pendente media próxima ao 9 % e con ramplas que rozan o 17 %. Alcanzada a cima, os corredores terán un descenso complicado desde Lampai a Pazos rumbo ao tramo definitivo da carreira: a subida a Augasantas por Bralo. Este porto, con tramos ao 13 %, sempre determinante na Rutas Xacobeas e na Clásica de Pascua, apunta a decisivo tamén nesta ocasión. Quen o coroe en primeiro lugar, terá 26 quilómetros e un novo paso por Formarís para defender a súa vantaxe ata a meta de Padrón, onde se espera coñecer ao gañador cara ás 14:20 h.

24 EQUIPOS E 144 CORREDORES

A Rutas Xacobeas contará nesta edición coa participación de 24 equipos e 144 corredores que buscarán suceder a Lucas Towers, vencedor o pasado ano co filial do Caja Rural. Galicia estará representada polo anfitrión, o Cortizo, xunto ao Supermercados Froiz, ODL Lasal Cocinas, Vigo-Rías Baixas, High Level-Gsport, MBO Racing Team, Team Oiense e Club Ciclista Vigués. Desde Navarra chegarán o Caja Rural Alea, Finisher e Telco.m On Clima Osés. Euskadi estará representada polo Smartlog Nest e o Surne Bilbao; Canarias polo Tenerife Bike Point e o Canary Pictures, mentres que o MP Group e o CC Lleida Dpedrós virán desde Catalunya. Xunto a eles, o Natural Greatness (Comunitat Valenciana), Technosylva Maglia Rower (Castila y León), Torres Sobato (Aragón), El Bicho (Madrid), Extremadura Pebetero, Gomur Cantabria e Arabay Illes Balears.

 

Fonte: Padronés Cortizo

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es