07 DE ENERO DE 2020
FELIPE ORTS
(Villajoyosa, 1995)
O vixente campión elite chega a Pontevedra tras facer historia no ciclocrós estatal. Por primeira vez un corredor español aparece no Top-10 do ranking da UCI. O seu rendemento esta temporada, e nos últimos anos, sitúa ao alacantino do Teika como o gran favorito ao título.
A súa nómina de triunfos esta campaña roza a decena: Llodio, Elorrio, La Vila, Les Franqueses, Manlleu, Vic, Igorre, Xàtiva e Valencia. Ademais, acadou a segunda posición no EKZ Cross Tour suízo. O Mundial volve ser o seu principal obxectivo. Soña con repetir unha fazaña como a do 2017, cando se colgou a prata sub-23.
O ano pasado na Illa das Esculturas acadou a súa primeira coroa elite, despois de ter sido segundo no Campionato de España do 2018 en Legazpi.
ISMAEL ESTEBAN
(Torrelavega, 1983)
A última vez que estivo en Pontevedra impúxose na Copa de España disputada o 1 de decembro. Foi o seu primeiro e único triunfo nunha edición do certame estatal na que foi o elite máis regular. Pechou o 2019 adxudicándose a xeral final da Copa e abriu o 2020 proclamándose campión autonómico.
O cántabro do Aldro leva catro campionatos estatais consecutivos subindo ao podio. Bronce no 2016 na súa localidade natal, colgouse dous ouros consecutivos no 2017 e no 2018. O ano pasado rematou segundo por detrás de Orts, con quen compartía equipo.
KEVIN SUÁREZ
(Los Corrales de Buelna, 1994)
O circuíto da Illa das Esculturas non lle trae bos recordos. Hai un ano sufriu unha caída mentres quentaba e non puido tomar a saída na carreira elite. O cántabro do Nesta regresa a Pontevedra con contas pendentes e co aval do triunfo logrado este curso na Copa de España de Karrantza, a súa primeira vitoria de nivel UCI.
Subcampión de España elite no 2016 e no 2017, intentará inspirarse no acontecido no 2015. No seu último ano como sub-23 superou a Orts en Gijón. O seu primeiro e último resultado neste 2020 foi o segundo posto no autonómico de Cantabria, por detrás de Esteban.
GORKA IZAGIRRE
(Ormaiztegi, 1987)
O noveno clasificado no último Mundial en ruta reta aos especialistas no ciclocrós. O ciclista do Astana decidiu finalmente incluír a cita de Pontevedra no calendario da súa particular pretemporada para as probas en estrada. O seu último test fala ben ás claras do seu nivel sobre o barro. O pasado domingo, diante dos seus veciños en Ormaiztegi, venceu por diante do seu irmán Ion e de Esteban.
Unha semana antes, o maior dos Izagirre fíxose co maillot de campión de Euskadi. A súa paixón polo ciclocrós venlle de familia. O seu pai José Ramón foi dúas veces campión estatal (1991 e 1992). Profesional dende 2008 no pelotón de estrada, Gorka ten como principais triunfos unha etapa no Giro de Italia e o Campionato de España do 2018.
AIDA NUÑO
(Hevia, 1983)
A mellor corredora española de ciclocrós de todos os tempos aspira o seu oitavo título elite. A súa gran rival volverá ser a tamén asturiana Alicia González. Os dous duelos que levan protagonizados na Illa das Esculturas resolvéronse ao esprint, cunha vitoria para cada unha.
A vitoria lograda por Nuño no 2019 colocouna como a única ciclista da historia con sete vitorias nun Campionato de España. Esta temporada a corredora do Río Miera apuntouse a xeral da Copa de España, aproveitando a ausencia da súa rival habitual nunha da seis probas puntuables. Nos últimos meses acumula vitorias en probas menores e incluso dous podios en China.
LUCÍA GONZÁLEZ
(Viella, 1990)
Asentada no Top-20 mundial, o Campionato de España resísteselle nos últimos anos. Desde que se impuxo no 2013 suma catro pratas, un bronce e un quinto posto. Esta campaña a corredora elite do Nesta superou a súa paisana Nuño en catro dos seus cinco duelos na Copa de España.
A súa conta de éxitos neste curso alcanza as quince vitorias. A última asinouna en Crouchaux (Francia), onde triunfou por primeira vez nunha proba do calendario UCI fóra de España. No Mundial buscará mellor a 19ª posición do 2017.
IRENE TRABAZO
(Marín, 1998)
A referencia do ciclocrós galego feminino viviu un pesadelo hai un ano na Illa das Esculturas. Correndo a poucos quilómetros da súa casa sufriu un problema mecánico no arranque da proba, un contratempo que a deixou fóra da loita polas medallas. O domingo quere tomarse a ‘revancha’ facéndose co maillot de campioa estatal Sub-23.
Bronce e prata como júnior, dende que a líder do XSM saltou de categoría pisou o caixón como segunda clasificada en 2018. O título da Copa de España logrado esta temporada reforzou a súa moral e o seu estado de forma puliuno cunha xira de Nadal por Bélxica e Francia. A súa principal ameaza será a valenciana Sofía Rodríguez.
IVÁN FEIJOO
(Allariz, 1999)
O renacer do ciclocrós en Galicia ten como máximo expoñente a este ourensán. O ano pasado ergueu dúas veces os brazos na Illa das Esculturas, outorgándolle á selección anfitrioa a vitoria no Team Relay e batendo a Jofre Cullell na pugna polo título individual sub-23. O domingo defenderá a súa coroa lucindo as cores do Nesta.
Indo de menos a máis no que vai de curso, culminou na última proba da Copa de España a súa remonta na clasificación para terminar como primeiro sub-23. No Nadal a sorte non o acompañou na súa xira por Bélxica e Francia, pero aínda así sumou dous Top-20 nas Copas do Mundo de Namur e Zolder. Nos campionatos estatais leva coleccionando medallas dende cadetes, co título júnior do 2017 como primeira gran alegría.
XABIER MURIAS
(Galdames, 1999)
A gran revelación desta campaña. No seu terceiro ano como sub-23 deu un salto de nivel encabezando o proxecto do Gela Pedagogikoa. Ante os problemas físicos que sufre Cullell, todo apunta a que será o gran rival de Feijoo.
O biscaíño leva tres Campionatos de España abonado ao bronce, un como júnior e dous na competición sub-23. Con experiencia en dous mundiais, esta temporada comezou sorprendendo aos elites na fin de semana burgalesa de Medina de Pomar e Villarcayo. Con Gorka Izagirre xogouse ao esprint a vitoria absoluta no Campionato de Euskadi.
CARLOS CANAL
(Xinzo de Limia, 2001)
O rapaz prodixio do ciclocrós español estréase como sub-23 nun campionato estatal. Arrasou na categoría júnior con dous títulos, despois de resistírselle o ouro cando era cadete. O seu potencial levou ao Burgos BH de estrada a abrirlle as portas para correr no pelotón profesional esta campaña sen ter pasado polo campo amateur.
Sen resultados destacados no pasado outono, o seu rendemento foi a máis na aproximación á cita de Pontevedra. Meteuse entre os tres primeiros a fin de semana pasada nas dúas últimas xornadas da Copa Galicia. Na Illa das Esculturas preséntase como candidato ao podio.
PROBAS DEPORTIVAS
PROBAS DEPORTIVAS
PROBAS DEPORTIVAS
PROBAS DEPORTIVAS
PROBAS DEPORTIVAS
PROBAS DEPORTIVAS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es