Facebook Twitter Youtube Instagram Español

As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón

01 DE OCTUBRE DE 2023

Marina González (Illas Cíes) impúxose nas máster-40

As-juniors-galegas-copan-o-podio-na-apertura-da-Copa-de-Espana-de-Ciclocros-en-Xixon

Dúas corredoras galegas lucirán as camisolas de líderes da Copa de España de Ciclocrós o vindeiro sábado no Gran Premio Cidade de Pontevedra. Lorena Patiño (XSM) liderou a tripla das ciclistas da nosa comunidade este domingo na carreira júnior do XIII Trofeo Villa de Gijón, a cita inaugural do certame estatal. Ao máis alto do podio tamén subiu no circuíto de Las Mestas a máster-40 Marina González (Illas Cíes). 

A primeira das oita xornadas puntuables da Copa de España supuxo a estrea da marinense Lorena Patiño na categoría júnior. A campioa estatal cadete de ciclocrós neste 2023 tivo que remontar ante o ataque inicial doutras dúas galegas, Aroa Otero (Supermercados Froiz) e Marta Estévez (XSM). Unha vez que alcanzou a cabeza da carreira na segunda volta, Patiño impuxo o seu ritmo e marchouse en solitario. A liña de meta alcanzouna con 26 segundos de vantaxe respecto á representante da formación alimenticia e distanciándose en 1'26" da súa compañeira de equipo no XSM. Unha tripla galega nunha carreira con puntos UCI en xogo ao tratarse dun evento da clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional. 

imagen

Outra campioa de España da nosa comunidade triunfou na quenda máster. Marina González foi a máis forte de todos os grupos de idade e no seu venceu con 2'30 de marxe sobre a castelá-leonesa Felisa Ares (Bikery Denpros). Nesta clasificación máster-40 Jana Buba (Coruxo) fixo sexta. 

imagen

Seguindo coas probas femininas, tanto na carreira Elite-Sub23 como na Cadete houbo dobre presenza galega nos top-10. A competición raíña resolveuse coa elite Irene Trabazo (XSM) na quinta posición e a sub23 Laura Mira (Farto) na sétima. A vitoria correspondeu á belga Laura Verdonschot (De Ceuster). Aínda máis preto de subir ao caixón quedou Alejandra Neira (Cambre-Renault Caeiro) nas cadetes, cuarta a 32" da terceira praza, e 20" despois da santiaguesa finalizou Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) obtendo o sexto posto. 

Xian Alvariño, cuarto

Entre a representación masculina dos ciclistas que se desprazaron dende Galicia o resultado máis sobranceiro asinouno o cadete Xian Alvariño. O corredor do Lynalfa Ponteareas terminou cuarto a 10" do segundo clasificado Rodrigo Sánchez (Bikery Denpros) e a 6"de Martín Fernández (MMR), terceiro e compañeiro de equipo do gañador en solitario Benjamín Noval. 

En canto aos elite-sub23, o elite Samuel González (Máis Que Bicis) e o sub23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), duodécimo e décimo terceiro, comandaron a actuación galega na carreira que se adxudicou o cántabro Kevin Suárez (Nesta). Por outra banda, aos masters da nosa comunidade resistiuselles o podio: Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) concluíu décimo nos 30; mesma posición para Moisés Leboso (G.D. 10) nos 40; José Manuel Comesaña (Monteferro) logrou a cuarta praza e Jorge Fernández (Norinver), a quinta nos 50; e nos 60 Manuel González Ojea (Bici O Con) rubricou un sexto posto.

Despois de arrancar en Asturias, a Copa de España instalarase en Galicia para celebrar os seus dous próximos eventos. A Illa das Esculturas de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado a segunda xornada e o 12 de outubro dispútase o II Ciclocross Lago de As Pontes, que se estrea no certame estatal. Ambas citas gozan da clase UCI C1. 

Clasificacións

Máis información

GALERÍA DE FOTOS

As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
As juniors galegas copan o podio na apertura da Copa de España de Ciclocrós en Xixón
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es