Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Presentado oficialmente o Campionato de Europa de Ciclocrós en Pontevedra

18 DE SEPTIEMBRE DE 2024

A proba continental celebrarase do 1 ao 3 de novembro no circuíto da Illa das Esculturas

Presentado-oficialmente-o-Campionato-de-Europa-de-Ciclocros-en-Pontevedra

A cita que se disputará do 1 ao 3 de novembro e que reunirá aos mellores ciclocrosistas do continente presentouse este mediodía na Praza da Peregrina de Pontevedra, coa presenza de autoridades e deportistas que participarán na competición.

No acto de presentación, interviñeron Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; J. Ramón Lete, secretario xeral de deporte da Xunta de Galicia; José Luis López Cerrón, presidente da RFEC; Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; e o peche correspondeu a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que exerceu de anfitrión. No apartado técnico, o responsable da proba José Alberto del Río explicou os detalles do circuíto e os campións de España de ciclocrós Felipe Orts, Lucía González e a galega Lorena Patiño subiron tamén ao estrado. O locutor da CRTVG, Terio Carrera, exerceu de mestre de cerimonias dun acto no que actuou o Ballet de Galicia, dirixido por Diego Landín.

imagen

Nas súas quendas de intervención, as autoridades destacaron un evento que se celebrará por primeira vez no noso país: será a primeira ocasión na que España e Galicia poidan vivir un Campionato de Europa de Ciclocrós.

Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, destacou a capacidade da cidade para "acoller eventos de enorme nivel, nun espazo marabilloso que ten a capacidade de atraer ao deporte. O acordo das tres institucións, Deputación, Concello e Xunta de Galicia, é clave para permitir a celebración deste Campionato de Europa de Ciclocrós".

José Ramón Lete, secretario xeral de deporte da Xunta de Galicia, asegurou que "a unión de Galicia co ciclismo é unha realidade. Agora celebramos o Campionato máis importante do continente, grazas a esa unión e entendemento entre as institucións que permite organizar este tipo de probas".

O presidente da Real Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón, puxo en valor a gran saúde do deporte internacional no noso país: "O ciclismo é un deporte que atrae ao turismo, que ensina paisaxes preciosas e lugares espectaculares. Confío nas opcións deportivas dos nosos campións, que coñecen o circuíto e adáptaselles ben. O traballo da Federación Ciclismo Galego foi espectacular co apoio das institucións para poder celebrar este Campionato de Europa en Pontevedra".

imagen

O presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, valora como "un premio a toda a traxectoria de Pontevedra co ciclocrós poder celebrar este Campionato de Europa. A proba é posible grazas ao Concello, a Deputación e a Xunta, que se poñen de acordo. Hai un traballo intenso detrás, moito esforzo do ciclismo galego e unha recompensa para a base do ciclismo que pode chegar a disputar na súa terra un evento deste nivel. Imos poñer en valor a riqueza turística e paisaxística de Galicia e Pontevedra neste Campionato de Europa de Ciclocrós".

Entre os deportistas, Lorena Patiño aceptou "a presión e o especial que será competir en casa, con tanta xente pendente de min e tratando de impulsar as miñas opcións». Pola súa banda, Lucía González mira con ilusión "un reto, unha motivación extra que supón disputar un Campionato de Europa ante o público do teu paísl. Normalmente viaxamos ao estranxeiro e agora disputamos unha proba que tamén supón unha oportunidade de gozar". Felipe Orts puxo en valor "un circuíto que vai ser espectacular, que se adapta moi ben e no que espero poder estar na pelexa. O Campionato de Europa é o meu primeiro pico de forma da temporada no que darei todo".

imagen

O alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de pechar o acto. O rexedor local mostrou "un orgullo especial poder vivir un Campionato de Europa de Ciclocrós en Pontevedra. Apostar polo deporte é unha forma de investimento en saúde, na base e o futuro así como no retorno económico do evento na cidade e o turismo. Haberá imaxes do río Lérez en televisións de todo o mundo. Será un evento completamente gratuíto para o que investimos moitísimo. Quen sabe se terminaremos facendo un Campionato do Mundo no futuro".

A Illa das Esculturas, á beira do Río Lérez, será o escenario no que os mellores ciclocrosistas disputarán unha competición que ademais contará coa categoría máster por primeira vez. O percorrido, que se desvelou na competición, contará con obstáculos como banco de area, tres pontes e taboleiros para a delicia do público asistente.

Serán tres días de ciclocrós ao máis alto nivel, nunha proba que organiza a Federación Ciclismo Galego co impulso fundamental do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. A proba está baixo o amparo da Unión Europa de Ciclismo (UEC).

Grazas ao Concello de Pontevedra, a entrada á competición será libre en contraste coa habitual taxa que se paga por acceder nas probas de Bélxica ou Países Baixos, onde o ciclocrós é un deporte de masas. No seu compromiso con albergar os mellores espectáculos deportivos de carácter internacional, garántese o acceso libre ao circuíto, á beira do Río Lérez, onde se vivirá a pelexa polos títulos continentais de ciclocrós.

A proba contará ademais con cobertura televisiva a nivel mundial, nun esforzo da organización e con moito traballo xunto á produción e Eurovision, que obrigaron á excelencia do circuíto para garantir o mellor espectáculo posible para os centos de miles de persoas que seguirán a proba desde as súas casas.

Fonte: CXPontevedra

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es