Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia despide este domingo en Ferrol o calendario autonómico de ciclocrós

26 DE DICIEMBRE DE 2020

Desde as 10:30 horas no circuíto do Club de Campo

O-Campionato-de-Galicia-despide-este-domingo-en-Ferrol-o-calendario-autonomico-de-ciclocros

Foto: Luz Iglesias

Doce coroas autonómicas poranse en xogo este domingo no circuíto do Club de Campo de Ferrol. Desde as 10:30 horas o Campionato de Galicia de Ciclocrós pechará unha temporada 2020 marcada pola crise sanitaria da covid. A cita máis agardada do calendario galego tamén resultará definitiva para definir a Selección que participará do 8 ao 10 de xaneiro no Campionato de España.

O Club BTT Esmelle, en colaboración co Concello de Ferrol, organiza un evento no que se inscribiron 204 ciclistas, a metade do que viña sendo habitual nos campionatos dos últimos anos. Cumprindo co Protocolo Fisiocovid-DXTGalego desta competición, os participantes deberán presentar un resultado negativo nunha proba PCR, de antíxenos ou serolóxica e as carreiras disputaranse sen a presenza pública.

Deste xeito, o club de Campo converterase nunha burbulla para evitar ao máximo o risco de contaxio, tal e como aconteceu nos circuítos que entre o 21 de novembro e o 20 de decembro acolleron as cinco xornadas da Copa Galicia.

Por segunda vez o trazado da parroquia de Serantes será o escenario do campionato autonómico da modalidade invernal do ciclismo. A anterior ocasión foi no 2015. O percorrido, de perfil duro e dunha lonxitude de 2,5 km en cada volta, non ten segredos para a maioría dos participantes ao tratarse dun circuíto habitual no calendario galego. A predición meteorolóxica apunta a que choverá dende a mañá, polo que está garantida a lama, o factor máis diferencial do ciclocrós.

Horarios

O programa de competición arrancará ás 10:30 horas coas dúas categorías de cadetes e a júnior masculina. Ás 12:15 porase en marcha a segunda quenda, coas carreiras máster-30 e máster-50/60 masculinas, e a máster feminina. Ás 14:00 chegará o momento dos máster-40 e a partir das 15:45 encargaranse de pechar o campionato os elite-sub23 de ambos sexos e as juniors.

Como principais favoritos aos títulos aparecen os triunfadores na Copa Galicia que rematou o pasado domingo en Maceda. Todos os gañadores finais do certame autonómico estarán en Ferrol. A participación no campionato, que tamén reparte puntos para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo ao tratarse dunha proba de categoría 1.33.5, está limitada a ciclistas das catro provincias galegas debido ás restricións sanitarias.

 

GALERÍA DE FOTOS

O Campionato de Galicia despide este domingo en Ferrol o calendario autonómico de ciclocrós
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es