10 DE NOVIEMBRE DE 2024
Fotos: Luz Iglesias
O ciclocrós galego retomou a súa Copa na fin de semana seguinte ao inesquecible Campionato de Europa vivido en Pontevedra. O testemuño da Illa das Esculturas colleuno este sábado outro circuíto máxico. Unha das citas clásicas do calendario como é o Trofeo Montes das Eiras, no Rosal, volveuse celebrar entre os viñedos da adega Terras Gauda. Esta vendima sobre rodas unicamente provocou un cambio de líder e o sorbo triunfal nas probas raíñas dérono un corredor e unha corredora que esta temporada aínda non subiran ao máis alto do podio no certame autonómico.
A cuarta xornada puntuable da Copa Galicia tivo como anfitrión ao Club Ciclista O Rosal. Na XXVI deste evento, cunha inscrición de 242 ciclocrosistas, o máis forte na carreira estrela masculina foi o mesmo especialista que o ano pasado. O elite Samuel González (Máis Que Bicis) revalidou o seu triunfo no Baixo Miño. O vigués abriu a súa conta de éxitos desta campaña apuntándose por 14" de vantaxe o duelo co líder elite Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño). Pola vitoria tamén pelexou boa parte da proba o terceiro clasificado e gañador sub-23 Ricardo Buba (High Level - Gsport), que finalmente cedeu 1 minuto na liña de meta. Cuarto concluíu o líder sub-23 Martín Díaz (XSM) e quinto fixo o elite Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas).
Un dos sete galegos que defenderon as cores da selección española no Europeo de Pontevedra competiu no Rosal e venceu. O júnior Néstor Frías (Academia Postal - Maceda) dobregou por 14" ao portugués Joao Vigario (Domarsa) na igualada batalla polo primeiro posto xuvenil. O resto de vitorias nas categorías masculinas asináronas o infantil Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), o cadete Guillermo García (Avanza - O Porriño), o máster-30 Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos), o máster-40 Ángel Vilanova (Compostelano), o máster-50 Eloy Otero (In Situ) e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos Rías Baixas).
O Trofeo Montes das Eiras si que rexistrou nova gañadora absoluta na quenda feminina. A sub-23 Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) dominou por primeira vez na Copa Galicia 2024 e por 34" de marxe bateu a Iria Nieto (Team Oiense), a mellor elite no Rosal. O terceiro posto correspondeu á sub-23 María Filgueiras (XSM), cuarta rematou a líder elite María Jesús Barros (Supermercados Froiz) e o top-5 completouno a elite Carla Fernández (QuéBici-Marcisport), a vencedora no 2023 neste mesmo escenario.
Exceptuando as máster-40, con vitoria para subcampioa contintental Marina González (Illas Cíes), nas demais categorías as líderes impuxeron a súa lei. Deste xeito, sumaron 150 puntos a infantil Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas), a cadete Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), a júnior Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) e a máster-50 María Sonsoles González (In Situ).
Novo líder máster-30
Só unha das dezaséis camisolas de líder da Copa Galicia cambiou de propietario no Rosal. O máster-30 Aquiles Sordo igualou a puntos con Jonathan Sousa (In Situ) e pasou a encabezar a xeral. Comandando os seus rankings continúan Clara Pintos e Sergio Pérez (Avanza - O Porriño) en Infantil, Xiana Seijo e Guillermo García en Cadete, Alba Gregores e Pedro Liaño (Cambre) en Júnior, Uxía Soto (Extol Zambora) e Martín Díaz en Sub-23, María Jesús Barros e Luis Fernández Oliveira en Elite, Jana Buba (Coruxo) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en Máster-40, María Sonsoles González e José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) en Máster-50, e Darío Buceta (Farto) en Máster-60.
O premio de mellor equipo nesta cuarta xornada recolleuno o Lynalfa-Ponteareas. A vindeira cita puntuable do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego chegará o sábado 23 de novembro en Cambre.
Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es