09 DE DICIEMBRE DE 2024
Fotos: Luz Iglesias
A Copa Galicia de Ciclocrós comezou a ponte da Constitución coa súa cita decana e pechouna cunha das novidades no seu calendario. O bautizo do Trofeo Ciclocrós Concello de Brión estivo marcado este domingo polos treitos de lama e polo reencontro coa vitoria de dous dos mellores especialistas da nosa comunidade durante os últimos anos sobre o barro. O elite Iván Feijoo (Academia Postal - Maceda) e a sub-23 María Filgueiras (XSM) asinaron os triunfos absolutos na oitava e antepenúltima xornada do certame autonómico.
A primeira edición do evento organizado polo Club Ciclista Cidade de Santiago contou con 257 inscritos. Unha corredora da comarca, a santiaguesa Alejandra Neira (Cambre), estreou a súa temporada de ciclocrós con vitoria nas júnior e pouco despois cruzou a liña de meta a vencedora elite e sub-23 María Filgueiras. A corredora de Miño sumou o seu primeiro triunfo do ano. Inaugurou o palmarés de Brión con 38 segundos de vantaxe respecto á líder sub-23 Uxía Soto (Extol-Zambora.es) e con 1 minuto e 3 segundos sobre a líder elite Iria Nieto (Team Oiense). As tamén elites Rebeca Fontela (Máis Que Bicis) e María Jesús Barros (Supermercados Froiz) ocuparon a cuarta e a quinta posición, respectivamente. As outras categorías da quenda feminina domináronas a infantil Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas), a cadete Nerea Soto (Lynalfa Ponteareas) e a máster-40 Beatriz Vicente (O Rosal).
A carreira elite e sub-23 masculina soubo administrala en solitario Iván Feijoo. O allarizao acadara o seu anterior triunfo en Betanzos, na segunda proba da Copa Galicia, e esta vez superou por unha marxe de medio minuto a un trío no que o máis rápido foi Ricardo Buba (High Level - Gsport), primeiro entre os sub-23. Á roda do gondomareño entraron o líder elite Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) -terceiro- e o sub-23 Fabián Rodríguez (Cambre) -cuarto-. Os cinco primeiros postos absolutos completounos o elite Samuel González (Máis Que Bicis).
O júnior Néstor Frías (Academia Postal - Maceda) repetiu o éxito acadado 48 horas antes en Boiro. Tamén volveron subir ao máis alto do podio o infantil Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), o cadete Guillermo García (Avanza - O Porriño), o máster-40 Andrés Calvete (Monte Xalo), o máster-50 Eloy Otero (In Situ) e o máster-60 Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport). A excepción deuse nos máster-30 e protagonizouna Francisco Baña (Cidade de Santiago) coa súa primeira vitoria desta campaña. En canto á clasificación por equipos, o Lynalfa-Ponteareas adxudicouse o seu segundo trofeo nunha marxe de tres días.
Os puntos que se repartiron en Brión só provocaron un cambio na nómina de líderes da Copa Galicia de Ciclocrós: Ricardo Buba encabeza agora a xeral sub-23. Unha xornada máis manteñen as camisolas do certame autonómico Clara Pintos e Mateo Hermida en Infantil, Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e Guillermo García en Cadete, Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) e Pedro Liaño (Cambre) en Júnior, Uxía Soto en Sub-23, Iria Nieto e Luis Fernández Oliveira en Elite, Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos) en Máster-30, Jana Buba (Coruxo) e Andrés Calvete en Máster-40, María Sonsoles González (In Situ) e José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) en Máster-50, e Darío Buceta (Farto) en Máster-60.
As clasificacións xerais desta competición coordinada pola Federación Ciclismo Galego resolveranse definitivamente no Nadal, o día 22 en Maceda e o 29 en Nigrán. Toda a información sobre o último certame autonómico do ano está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es