23 DE DICIEMBRE DE 2024
Fotos: Luz Iglesias
Oito categorías da Copa Galicia de Ciclocrós xa están resoltas matematicamente a falta dunha xornada. A penúltima cita do certame tivo lugar este domingo nun dos circuítos de referencia do CX autonómico e preto de 250 participantes desfrutaron do trazado do Castelo de Maceda ao mesmo tempo que se celebraba o sorteo da Lotería de Nadal. O Gordo na proba ourensá obtivérono a sub-23 Aroa Otero (Supermercados Froiz) e o elite Samuel González (Máis Que Bicis).
Sen barro, a XVII edición do evento organizado polo Club Ciclista Maceda ofreceu dúas carreiras raíñas moi atractivas. A feminina tivo como grandes protagonistas a dúas sub-23 que representaron á selección española no Campionato de Europa de Europa de Pontevedra. As porriñesas Aroa Otero e Laura Mira (Farto) mediron forzas nun cara a cara que se decantou a prol da corredora do Supermercados Froiz. Por medio minuto de diferenza acadou a súa primeira vitoria absoluta.
A anfitrioa Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) completou as tres primeiras prazas na liña de meta e da categoría sub-23. O cuarto posto absoluto asinouno a líder elite Iria Nieto (Team Oiense) e a sub-23 María Filgueiras pechou o top-5. Nas outras categorías da quenda feminina impuxéronse a júnior Alejandra Neira (Cambre), a máster-40 Marina González (Illas Cíes) e nas cadete a líder Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) anotouse o vibrante duelo con Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas) -segunda- e Vega Aldrey (Cambre) -terceira-. En canto ás infantís, o triunfo correspondeu á líder Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas).
Unha das mellores carreiras da temporada puido presenciarse na proba elite e sub-23 masculina. Catro especialistas pugnaron pola vitoria ata a última volta. O Academia Postal - Maceda contaba con dúas bazas no cuarteto de cabeza, con Saúl López e Iván Feijoo, pero Samuel González asaltou o circuíto do Castelo. O elite vigués bateu na rampla de meta ao monfortino López e sumou o seu segundo éxito absoluto da temporada. A 6" dos dous primeiros concluíu o nigranés Anxo Carril (Supermercados Froiz), vencedor sub-23, e 14" máis tarde concluíu o elite allarizao Feijoo. Quinto fixo o sub-23 Fabián Rodríguez (Cambre). Ao conxunto local non se lle escapou o triunfo júnior con Néstor Frías, novo líder da categoría xuvenil.
Ao esprint decidiuse a competición cadete, co líder Guillermo García (Avanza - O Porriño) superando a Pedro Cidrás (XSM). Ao chanzo máis alto do podio tamén subiron o infantil Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), o máster-30 Jorge Pérez (Os Esfola Arrós), o máster-40 Moisés Leboso (G.D. 10), o máster-50 Eloy Otero (InSitu) e o campión contintental máster-60 Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport). O trofeo de mellor club recibiuno, por terceira xornada consecutiva, o Lynalfa-Ponteareas.
A novena e penúltima cita da Copa Galicia deixou tres cambios na nómina de líderes. Ademais do júnior Néstor Frías, a máster-40 Marina González e o máster-50 Eloy Otero comandan agora as súas categorías. Os títulos xa o teñen no peto matematicamente Clara Pintos e Mateo Hermida en Infantil, Guillermo García en Cadete, Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) en Júnior, Uxía Soto (Extol-Zambora.es) en Sub-23, Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) en Elite, Andrés Calvete (Monte Xalo) en Máster-40 e María Sonsoles González (InSitu) en Máster-50.
As camisolas do último certame autonómico do ano terán que defendelas o vindeiro sábado, 28 de decembro, en Nigrán a cadete Xiana Seijo, o júnior Néstor Frías, o sub-23 Ricardo Buba (High Level - Gsport), a elite Iria Nieto, o máster-30 Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos), a máster-40 Marina González, o máster-50 Eloy Otero e o máster-60 Daría Buceta (Farto).
Toda a información da Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es