Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Jorge García Rivas, novo Comisario Internacional de Ciclocrós en Galicia

20 DE FEBRERO DE 2025

O xuíz árbitro do CTA da FCG superou as probas realizadas en Suíza e Bélxica

Jorge-Garcia-Rivas-novo-Comisario-Internacional-de-Ciclocros-en-Galicia

Tras o curso e os exames escritos e orais no Centro Mundial de Ciclismo da Unión Ciclista Internacional (UCI) en Aigle, Suíza, o pasado outubro, e agora en febreiro en Maldegem, Bélxica, na proba práctica como Presidente do Xurado Técnico, Jorge García Rivas acadou a categoría de Comisario Internacional na disciplina de ciclocross.
 
O xuíz árbitro con licenza pertencente ao Comité Técnico de Árbitros (CTA) da Federación Ciclismo Galego (FCG), consegue esta categoría despois de moitos anos de entusiasmo e de traballo no estamento de árbitros para o ben do ciclismo. Empezou pouco despois da maioría de idade, no ano 1997, como Aspirante, xusto o ano seguinte da última Volta a Galicia de profesionais, e tendo como ídolo a Miguel Induráin: “Facerme árbitro era unha maneira de intentar velo de preto, aínda que como xuíces temos que manter certas distanzas cos corredores”. Na tempada do 98 acadou a categoría de rexional, e no 2017 a de nacional élite en estrada e en montaña.
 
"Estou moi contento e síntome moi orgulloso de min mesmo, dos outros dous compañeiros españois que se examinaron comigo, e de todos os árbitros que, dunha ou doutra forma, axudaron para que agora conseguise esta categoría, que é máis do que imaxinaba. Non quero esquecerme dos compañeiros como Cuíñas, Amador, Recarey, Tucho (D.E.P.), Fajar, Sinesio, Folgar…, dos que sempre aprendín moitas cousas, nin dos que sigo aprendendo como Begoña, Quintás, Escalante, Mon, Chato, Iago… nin da xente nova que está empezando con moita ilusión, así como os membros da FCG, directores deportivos e corredores que fan do labor arbitral algo agradable, e en especial de Guillermo Sande (D.E.P.)".
 
Jorge García Rivas formará parte do Xurado Técnico da vindeira Vuelta a España por vez primeira, ademais de O Gran Camiño, que se unen ao Campionato de Europa de CX e a campionatos e Copas de España en diversas disciplinas, campionatos e Copas de Galicia, e un sen fin de carreiras dende autonómicas a internacionais dentro e fóra de Galicia, o que compaxina co seu principal labor de Oficial de Navegación en grandes buques gaseiros e petroleiros como Capitán da Mariña Mercante.

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es