13 DE OCTUBRE DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
A Copa Galicia de Ciclocrós púxose de 0 a 315 o sábado no Porriño. A primeira das dez citas do calendario 2025-2026 do certame autonómico de CX reuniu a máis de tres centenares de participantes na véspera da Copa de España de Marín. Cun magnífico dato de inscrición, a xornada organizada pola A.D. Avanza deixou 16 líderes, unha nómina na que non faltaron especialistas que chegaron dende fóra da nosa comunidade.
A raíña no circuíto da pista de atletismo foi unha corredora portuguesa. Baixo un sol de xustiza no mediodía porriñés, Margarida Vasconcelos (AXPO/Fistbike) dominou con autoridade por diante das galegas na proba Elite e Sub-23 feminina, erguendo os brazos na liña de meta con 3 minutos de vantaxe sobre a tamén sub-23 Sara Peón (XSM) e o terceiro posto obtívoo Iria Nieto (Team Oiense), primeira elite. A sub-23 Fátima González (Máis Que Bicis) e a elite local Marías Jesús Barros (Supermercados Froiz) completaron o top-5 absoluto.
A júnior catalá María Gutiérrez (Vic) e a cadete vasca Noa Vega (Baqué Movistar Team) conseguiron as outras vitorias foráneas, mentres que no resto de categorías femininas asinaron os triunfos a infantil Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño), a máster-30 Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes).
Entre galegos estivo a batalla á fronte da carreira Elite e Sub-23 masculina. Pasan os anos e Samuel González segue sendo unha das grandes referencias da Copa Galicia. O vigués do Máis Que Bicis dobregou esta vez por unha diferenza de 23 segundos ao nigranés Anxo Carril (Coruxo) no apaixoante duelo por vestirse como primeiro lider elite. Aínda máis axustado estivo o pulso pola terceira posición e o trofeo de gañador sub-23, con Ricardo Buba (Coruxo) batendo nos últimos metros a Néstor Frías (Ribadumia). O anfitrión Denis González (Avanza-O Porriño) fixo quinto e terceiro sub-23.
En canto á categoría júnior, José Manuel Pintos encabezou o 'dobrete' do Lynalfa-Ponteareas co seu compañeiro de equipo Jorge Lorenzo na segunda posición. Ao máis alto do podio cadete subiu o aragonés Marco Latorre (Ecotisa) e Sergio Villaverde (Avanza-O Porriño) regaloulle o triunfo infantil ao club organizador.
Ao palmarés do VIII Trofeo Ciclocrós Avanza - Concello do Porriño engadiron o seu nome na sesión de tarde, reservada aos grupos de idade Máster masculinos, Mauro González (Salvaterra) nos M30, o cántabro Ramón Liaña (MTB Torrelavega) nos M40, Eloy Otero (In Situ) nos M50 e Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) nos M60.
A Copa Galicia continuará o vindeiro sábado coa disputa do VIII Ciclocrós Concello de Betanzos. Toda a información sobre o certame do noso CX está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
FORMACIÓN
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es