24 DE NOVIEMBRE DE 2025
Fotos: RFEC
O longo desprazamento ata a localidade barcelonesa de Vic reduciu considerablemente a presenza de especialistas da nosa comunidade na sexta e antepenúltima xornada da Copa de España de Ciclocrós. Malia contar con pouca representación en comparación coas anteriores citas puntuables do certame estatal, o noso CX conseguiu este domingo a vitoria en tres categorías. Un deses triunfos obtívoo Lorena Patiño (Cardedeu) na carreira raíña feminina.
Na súa terceira aparición desta campaña na Copa de España, a marinense mantivo a súa condición de invicta entre as sub-23 e ademais deu un paso adiante a nivel absoluto. Por primeira vez, a dobre campioa estatal júnior meteuse no top-3 da proba. Lorena Patiño cruzou a liña de meta en terceira posición, a 21 segundos da neerlandesa Larissa Hartog e a 31" da tamén elite Sofía Rodríguez (Nesta-MMR). A valenciana, actual campioa de España, aproveitou o abandono da asturiana Lucía González para desbancar do primeiro posto da xeral á súa compañeira.
O dominio da corredora de Marín no apartado sub-23 resultou incuestionable. Avantaxou en 1 minuto e 22 segundos á líder Marta Beti (Cantabria - Río Miera) e en 10" máis á neerlandesa Noi Moes, as dúas ciclistas que a acompañaron no podio.
En canto á competición estrela masculina, o elite ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) concluíu oitavo, e cuarto mellor español, a 56" do seu compañeiro de equipo e líder da xeral, o cántabro Gonzalo Inguanzo.

A hexemonía galega esta temporada na categoría cadete masculina quedou de novo de manifesto en Vic. Nun emocionante desenlace, cos tres primeiros en 5 segundos, Guillermo García (Avanza-O Porriño) rubricou o seu quinto triunfo do curso na Copa de España e sentenciou matematicamente a clasificación xeral a falta de dous eventos. Nesta ocasión ergueu os brazos por diante do catalán Martí Collell (Proride Jufre) e terceiro rematou Pedro Cidrás (XSM), mesma praza que ocupa no ranking do certame. Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas), quinto a 18" do vencedor, completou a tripla presenza de promesas do noso ciclocrós entre os cinco primeiros.
A terceira vitoria do noso CX correu a cargo do líder máster-50. Eloy Otero (In Situ) pisou por primeira vez o chanzo máis alto do caixón na Copa de España. Impúxose en solitario, con 49" de marxe sobre o madrileño José Luis Rebollo (Ciclista Corredor), e deixou moi encarrilado o título.

Os días 6 e 7 de decembro, os circuítos valencianos de Xàtiva e Cocentaina acollerán respectivamente o final desta edición 2025 da Copa de España de Ciclocrós.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es