Facebook Twitter Youtube Instagram Español

María Filgueiras e Miguel Rodríguez deixan o seu selo en Nigrán

29 DE NOVIEMBRE DE 2025

Anxo Carril e Iria Nieto pasan a encabezar as xerais elites da Copa Galicia de Ciclocrós

Maria-Filgueiras-e-Miguel-Rodriguez-deixan-o-seu-selo-en-Nigran

Fotos: Atlántico Diario / Luz Iglesias

Unha localidade tan turística no verán como Nigrán ofreceu na apertura da última fin de semana de novembro unha típica xornada de ciclocrós. Baixo a chuvia e sobre a lama, o elite Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) e a sub-23 María Filgueiras (XSM) escribiron por primeira vez os seus nomes no palmarés da proba que se celebra no circuíto do Parque Empresarial de Porto do Molle. Foi na sexta cita puntuable para a Copa Galicia, que continuará este domingo en Ponteareas. 

A quinta edición do Ciclocrós Concello de Nigrán-Consorcio Zona Franca de Vigo (ZFV) Porto do Molle rexistrou unha inscricición de 263 participantes baixo a organización do Club Ciclista Coruxo, a estrutura que comanda as dúas xerais na competición raíña masculina. Ricardo Buba xa lucía a camisola sub-23 da Copa e Anxo Carril vestiuse de líder elite no seu concello. O nigranés desbancou do máis alto do ranking a Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) grazas ao seu terceiro posto, a pouco máis de 1 minuto do gañador absoluto Miguel Rodríguez. 

imagen

O representante do Supermercados Froiz cumpriu cos prognósticos e sumou a súa segunda vitoria consecutiva no certame autonómico. O ponteareán fíxoo con 28 segundos de marxe respecto ao tamén elite Samuel González (Máis Que Bicis). O top-5 completárono o portugués Bruno Silva (Boavista), na cuarta posición, e o gañador sub-23 Raúl Puelles (Supermercados Froiz). Ricardo Buba e Luis Fernández Oliveira tiveron que conformarse coa sexta e sétima praza, respectivamente. 

Entre os júniores, o luso Joao Vigario (Domarsa) impúxose no emocionante duelo con Diego Valladar (Coruxo) -segundo- e José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas)-terceiro-. Os triunfos nas outras categorías masculinas obtivéronos o infantil Jorge Martín (Avanza-O Porriño), o cadete Pedro Cidrás (XSM), o máster-30 Diego Álvarez (Podium Team), o máster-40 Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), o máster-50 Manuel Armada (Cidade de Santiago) e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas). 

imagen

María Filgueiras estreouse por partida dobre na carreira Elite e Sub-23 feminina. A ciclista de Miño nunca gañara en Porto do Molle e abriu a súa conta de éxitos desta temporada. O duelo a tres pola vitoria decantouno ao seu favor erguendo os brazos con 14" de marxe sobre a líder sub-23 Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) e 9" despois concluíu Iria Nieto (Team Oiense), vencedora elite e nova líder ao adiantar na xeral a María Jesús Barros (Supermercados Froiz), sexta en Nigrán. Entre as dúas primeiras da xeral elite remataron Tamara Seijas (Supermercados Froiz), no cuarto posto, e Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), no quinto. 

O seu colchón de puntos como líderes ampliárono con triunfos a infantil Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño), a júnior Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), a máster-30 Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes). Sen o maillot da Copa exhibiuse nas cadetes Vega Aldrey (Cambre). O trofeo de mellor club da xornada acadouno o Lynalfa-Ponteareas. 

imagen

O evento miñorano resolveuse cun total de seis cambios á fronte das xerais. Ademais de Anxo Carril e Iria Nieto nas táboas elites, tamén pasaron a encabezar as súas categorías a cadete Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas), o júnior José Manuel Pintos, o máster-30 Mauro González (Salvaterra) e o máster-40 Constantino Muñoz. As camisolas da Copa Galicia consérvanas Uxía Giráldez e Sergio Villaverde (Avanza-O Porriño) en Infantil, o cadete Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), a júnior Xiana Seijo, Sarela Conde e Ricardo Buba en Sub-23, a máster-30 Carolina Palomanes, a máster-40 Marina González, María Andia (Ser e Parecer) e Eloy Otero (In Situ) en Máster-50, e o máster-60 Manuel Bugallo.

imagen

imagen

A sétima xornada puntuable arrancará este domingo ás 10:00 horas en Ponteareas coa disputa do 5º Ciclocrós Borja Gómez Méndez no trazado da Freixa, o mesmo escenario que acolleu o pasado mes de xaneiro o Campionato autonómico desta modalidade. Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX

Clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

María Filgueiras e Miguel Rodríguez deixan o seu selo en Nigrán
María Filgueiras e Miguel Rodríguez deixan o seu selo en Nigrán
María Filgueiras e Miguel Rodríguez deixan o seu selo en Nigrán
María Filgueiras e Miguel Rodríguez deixan o seu selo en Nigrán
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es