Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda confirma o cambio de ciclo

29 DE DICIEMBRE DE 2025

O vencedor absoluto masculino Miguel Rodríguez obtivo o seu primeiro título Elite e a gañadora feminina Lorena Patiño estreouse como Sub-23

O-Campionato-de-Galicia-de-Ciclocros-en-Maceda-confirma-o-cambio-de-ciclo

Fotos: Luz Iglesias

O Campionato de Galicia de Ciclocrós repartiu este domingo en Maceda un total de 16 títulos e só en tres categorías -en tres grupos de idade Máster- a coroa non cambiou de propietaria ou propietario respecto á temporada anterior. A cita no circuíto do Castelo confirmou o cambio de ciclo, encabezado polo elite Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) e a sub-23 Lorena Patiño (Cardedeu), e a saúde de ferro da que goza esta especialidade na nosa comunidade. Así o ratifica o dato de inscrición, con 274 participantes nunha fría mañá de Nadal. Este rexistro superou o de hai catro anos, a última vez que esta localidade ourensá acollera o gran evento do calendario autonómico.

A XVIII edición do Ciclocrós Castelo de Maceda disputouse nunhas condicións que favoreceron máis a forza que a técnica. Nun día solleiro, a lama tivo escaso protagonismo no trazado deseñado polo Clube Ciclista Maceda. Non se marcaron grandes diferenzas, pero si suficientes para que todas as carreiras chegasen decididas ao característica final en costa.

imagen

Campión de España Sub-23 a pasada campaña, Miguel Rodríguez partía como claro favorito á vitoria absoluta no seu primeiro Campionato de Galicia como Elite. O ponteareán engadiu un novo título ao seu palmarés ao impoñerse por 38 segundos de vantaxe a Néstor Frías (Ribadumia), que asinou a súa mellor carreira do ano e venceu entre os Sub-23.

Terceiro rematou o elite Samuel González (Máis Que Bicis), a 55” do gañador, lixeiramente por diante do sub-23 Martín Díaz (XSM). Representando ao club anfitrión, Iván Feijoo (Academia Postal-Maceda) bateu a Saúl López na pugna polo bronce elite entre compañeiros de equipo. O podio sub-23 completouno Alejandro García (Mondraker), especialista en Cross Country Olímpico, sétimo clasificado na liña de meta.

imagen

A competición estrela feminina tamén a dominou unha vixente campioa de España. Na súa temporada de estrada como Sub-23, a dúas veces raíña estatal júnior Lorena Patiño anotouse por primeira vez o triunfo absoluto no Campionato de Galicia. A 49” da marinense concluíu a súa paisana Irene Trabazo (XSM), que catro ano despois recuperou o título Elite no mesmo escenario onde o acadara por última vez.

A local Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) fixo terceira, a case 3’ de Lorena Patiño, e colgouse a prata Sub-23. O terceiro chanzo dese caixón ocupouno Laura Mira (Farto), cuarta absoluta, e a tamén sub-23 Uxía Soto (Extol-Zambora) terminou quinta. Á campioa elite escoltárona Tamara Seijas e Marías Jesús Barros, ambas do Supermercados Froiz, sexta e oitava, respectivamente. Entre as dúas representantes do mesmo conxunto acabou sétima a sub-23 Fátima González (Máis Que Bicis). 

imagen

Os ouros nas probas Júnior conquistáronos especialistas noutra modalidades. Marcos Rodríguez, gañador no 2025 da Copa e do Campionato de Galicia de Cross Country Olímpico, deulle o título xuvenil ao Academia Postal-Maceda cunha ampla marxe de 1 minuto e 20 segundos respecto a José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas). A terceira praza decantouse a prol de Lucas Lozano (XSM) no seu axustado man a man con Diego Valladar (Coruxo). Pola súa banda, Alejandra Neira (Baqué Movistar), actual campioa de España de Contra o Reloxo Individual en Estrada, comandou a carreira feminina por unha marxe de 38” sobre Xiana Seijo (Caimanes Betanzos).

Outra das grandes esperanzas do ciclismo galego sobre o asfalto reinou entre as cadetes. Vega Aldrey (Cambre) tivo que empregarse a fondo ata a meta para erguer os brazos con 15” de vantaxe en relación a Marta Utrera (Armenteira e Punto). O Cambre tamén asinou o terceiro posto por medio de Lara Fernández. Con máis comodidade, por 1’ de diferenza, Pedro Cidrás (XSM) proclamouse campión cadete. As outras dúas medallas corresponderon ao Lynalfa Ponteareas con Aarón Rodríguez e Mateo Hermida, quen dobregou ao esprint a Sergio Pérez (Avanza-O Porriño).

imagen

Por segundo ano consecutivo, a categoría Infantil formou parte do programa de competición do Campionato de Galicia de Ciclocrós. Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño) e José Manuel Rouco (Cambre) conseguiron os seus primeiros maillots autonómicos nesta modalidade. En canto aos grupos de idade Máster, tres camisolas da Federación Ciclismo Galego revalidáronas Marina González (Illas Cíes) nas M40, Eloy Otero (In Situ) nos M50 e Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) nos M60. O primeiro posto no resto de carreiras obtivérono Roi Álvarez (Garaje Corse) e Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) nas probas 30, e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) entre os M40.

A entrega de premios contou coa presenza de Uxía Oviedo, alcaldesa de Maceda; Begoña Conde, concelleira de Deportes; Xulio Conde, presidente do Clube Ciclista Maceda; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Deste xeito, pechouse o calendario galego de ciclocrós desta temporada. Despois de tres intensos meses nos que se celebraron na nosa comunidade dez eventos da Copa Galicia, unha cita da Copa de España e o Campionato de onte en Maceda, nos vindeiros días coñecerase a convocatoria da Selección de Galicia para o Campionato de España que se disputará do 9 ao 11 de xaneiro na localidade conquense de Tarancón. 

 

PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA 

 

ELITE F

1. Irene Trabazo (XSM)

2. Tamara Seijas (Supermercados Froiz)

3. María Jesús Barros (Supermercados Froiz)

 

ELITE M

1. Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz)

2. Samuel González (Máis Que Bicis)

3. Iván Feijoo (Academia Postal - Maceda) 

 

SUB-23 F 

1. Lorena Patiño (Cardedeu)

2. Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) 

3. Laura Mira (Farto)

 

SUB-23 M

1. Néstor Frías (Ribadumia)

2. Martín Díaz (XSM)

3. Alejandro García (Mondraker) 

 

JÚNIOR F 

1. Alejandra Neira (Baqué Movistar)

2. Xiana Seijo (Caimanes Betanzos)

3. Lara Pita (Planet MTB)

 

JÚNIOR M

1. Marcos Rodríguez (Academia Postal- Maceda)

2. José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas)

3. Lucas Lozano (XSM)

 

CADETE F 

1. Vega Aldrey (Cambre)

2. Marta Utrera (Armenteira e Punto)

3. Lara Fernández (Cambre)

 

CADETE M

1. Pedro Cidrás (XSM)

2. Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas)

3. Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas)

 

INFANTIL F 

1. Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño)

2. Aroa García (Cambre)

3. Vera Rodríguez (Lasal Cocinas-Craega Kids)

 

INFANTIL M 

1. José Manuel Rouco (Cambre)

2. Carlos Aguilar (Cambre)

3. Jorge Martín (Avanza-O Porriño) 

 

MÁSTER-30 F

1. Carolina Palomanes (Sport Bike Verín)

 

MÁSTER-30 M

1. Roi Álvarez (Garaje Corse)

2. Francisco Baña (Cidade de Santiago)

3. Diego Álvarez (Podium Team)

 

MÁSTER-40 F

1. Marina González (Illas Cíes)

2. Nazaret Casal (De La Fuente)

3. Beatriz Vicente (Podium Team)

 

MÁSTER-40 M

1. Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko)

2. Moisés Leboso (G.D. 10)

3. Xacob Agra (Lynalfa-Ponteareas)

 

MÁSTER-50 M

1. Eloy Otero (In Situ)

2. Manuel Armada (Cidade de Santiago)

3. Guillermo Álvarez (Cambre)

 

MÁSTER-60 M

1. Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport)

2. Darío Buceta (Farto)

3. Manuel Bugallo (Biciosos Rías Baixas)

 

Clasificación 

 

GALERÍA DE FOTOS

O Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda confirma o cambio de ciclo
O Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda confirma o cambio de ciclo
O Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda confirma o cambio de ciclo
O Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda confirma o cambio de ciclo
O Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda confirma o cambio de ciclo
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es