Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Feijoo abandona no ecuador do Mundial

30 DE ENERO DE 2021

O alaricano non atopou o seu golpe de pedal sobre a area de Ostende

Feijoo-abandona-no-ecuador-do-Mundial

Un mal día para pechar outra gran temporada. Iván Feijoo abandonou na terceira das seis voltas do Mundial Sub23 de Ciclocrós celebrado este sábado na localidade belga de Ostende. O tricampión de España sub23 non atopou en ningún momento o seu golpe de pedal. Cuestión de sensacións e dun atípico circuíto no que resulta crucial un treito de 500 metros pola praia. 

A densa area da cidade flamenca sepultou o soño do alaricano e de todo o ciclocrós galego. Nunca un representante autonómico se colgara unha medalla no Mundial e Feijoo partía como un dos candidatos ao podio na súa última carreira como sub23. O ourensán asinou unha saída á altura da súa ambición. Nos primeiros metros situouse segundo, pero non conseguiu darlle continuidade a súa posta en escena e ao remate da primeira volta marchaba na 42ª posición. 

Nun día frío, húmido e desapacible, os holandeses e os belgas coparon os oito primeiros postos. Sen opcións de mellor a sexta praza lograda en Suíza 2020, Feijoo baixouse da bicicleta no ecuador da carreira. "Abandonar nun Mundial nunca é fácil. O que teño claro é que volverei máis forte que nunca. Grazas a todos polo apoio", publicou o de Allariz na súa conta de Instagram

Malia non encontrar o tesouro que buscaba na praia de Ostende, o corredor do Nesta Skoda Alecar volveu asinar outra temporada para o recordo. Conquistou en Tabor (República Checa) o primeiro podio sub23 dun galego na Copa do Mundo e revalidou a súa coroa estatal. Con 21 anos (fará 22 en abril), a vindeira campaña agárdao o seu primeiro Mundial como Elite. 

Máis información

 

GALERÍA DE FOTOS

Feijoo abandona no ecuador do Mundial
Feijoo abandona no ecuador do Mundial
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es