Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Iván Montero sela o bronce de España no Team Relay da Copa do Mundo de Ostende

09 DE MAYO DE 2022

O coruñés debutou co equipo estatal en Bélxica

Ivan-Montero-sela-o-bronce-de-Espana-no-Team-Relay-da-Copa-do-Mundo-de-Ostende-

Foto: RFEC

A experiencia do Paraciclismo Galicia na Copa do Mundo de Ostende, onde a formación do Club Ciclista Riazor acudiu con tres representantes, tiña unha sorpresa reservada para o último día de competición en Bélxica. A baixa de última hora de Israel Rider no trío de handbikers co que a selección española ía disputar o Team Relay abriu as portas do equipo estatal a Iván Montero. O corredor coruñés respondeu á confianza do seleccionador Félix García Casas e debutou coas cores de España certificando a consecución da medalla de bronce. 

Tras terminar 14º na contra o reloxo individual e 16º na proba de fondo, participando en ambas citas MH5 coa camisola do Paraciclismo Galicia, Montero encargouse da última remuda no Team Relay por seleccións. Ás actuacións de Sergio Garrote e de Luis Miguel García-Marquina deulles continuidade o galego nun emocionante final. O líder da súa categoría na Copa de España resistiu na terceira posición ante o empuxe de Estados Unidos e selou o bronce do combinado dirixido por García Casas. Coa vitoria fíxose Francia e Italia rematou segunda. 

Montero repetirá nas filas da selección dende este xoves e ata o domingo na localidade alemá de Elzach, sede do segundo evento da Copa do Mundo. 

Os outros dous corredores da estrutura herculina que se desprazaron ata a apertura do calendario da Copa do Mundo competiron en probas de bicicleta. Damián Ramos, na categoría C5, obtivo a sétima praza na carreira e a novena na CRI, mentres que Luis Javier Arcega, en C3, concluíu 14º na proba de fondo e 17º na 'crono'. 

Clasificacións

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es