Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lara Lois e Alejandro García, na lista da selección española de XCO para o Campionato de Europa

03 DE MAYO DE 2024

A campioa estatal elite e o júnior competirán a vindeira semana en Romanía

Lara-Lois-e-Alejandro-Garcia-na-lista-da-seleccion-espanola-de-XCO-para-o-Campionato-de-Europa

Dobre presenza galega na convocatoria para unha das citas máis importantes do ano no Cross Country Olímpico. A elite grovense Lara Lois (RG Bikes Scott Team) e o júnior carballiñés Alejandro García (Academia Postal - Maceda) representarán á selección española no Campionato de Europa de XCO, XCC e Team Relay. Este evento continental celebrarase a vindeira semana, do 8 ao 12 de maio, en Romanía, no complexo turístico de montaña Cheile Gradistei.

Os dous representantes da nosa comunidade na lista confeccionada polos seleccionadores Mikel Zabala e Anna Villar son os vixentes campións de España de XCO nas súas categorías. O Europeo 2024 comezará o mércores 8 de maio cos primeiros adestramentos oficiais, que servirán a todos os ciclistas para coñecer o circuíto sobre o que se celebrarán as carreiras de XCO, o Short Track e o Team Relay. A competición arrancará o xoves 9 de maio co Short Track; mentres que a xornada do venres 10 de maio quedará reservada para o Team Relay e na fin de semana chegará a quenda das probas de XCO. A júnior masculina está fixada para o sábado ás 11:00 horas e a elite feminina para o domingo ás 13:00 h.

Será a primeira vez que Romanía acolla un evento ciclista desta entidade e, para iso, a organización preparou uns atractivos percorridos. O trazado sobre o que se desenvolverán as carreiras de XCO contará con 3,4 km e un perfil moi quebado, con tramos de ascenso e descenso técnicos e esixentes que prometen un bonito espectáculo. O circuíto de Short Track terá un quilómetro.

Máis información

 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es