27 DE MAYO DE 2024
Foto: Kike Abelleira
A selección española de Cross Country Olímpico contou con dobre representación galega na cita das UCI XCO Junior Series de Nove Mesto (República Checa) e os dous bikers da nosa comunidade competiron a moi bo nivel nun dos templos desta especialidade do BTT. Seis segundos separaron a Alejandro García de meterse entre os dez primeiros e Lorena Patiño asinou o mellor papel entre as xuvenís do combinado estatal.
O corredor carballiñés volveu á escena internacional este sábado dúas semanas despois de participar no Campionato de Europa e repetiu resultado. A carreira júnior dominouna en solitario o danés Albert Philipsen, o andaluz Hugo Franco fixo quinto e Alejandro García loitou ata o final polos postos do top-10. O ciclista do Academia Postal - Maceda rematou undécimo, a 11" do noveno clasificado Maciej Jaroslawski (Polonia) e a 6" de Moritz Lindner (Alemaña). Grazas a esta sensacional actuación, finalizando segundo entre os convocados pola seleccionadora Anna Villar, o actual campión de España sumou 20 puntos UCI.
O esixente trazado checo serviu de escenario para que Lorena Patiño debutara o domingo co combinado estatal júnior de XCO. A marinense do XSM, de primeiro ano na categoría, rematou 31ª e foi de longo a mellor española. Avantaxou en máis de catro minutos e medio á segunda, a catalá Mariona Ratera, que concluíu 52ª na carreira que se adxudicou Viktória Chladonova (Eslovaquia).
BTT
FORMACIÓN
BTT
BTT
BTT
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es