30 DE MARZO DE 2021
O circuíto Superprestigio MTB Faster arrancou o pasado domingo na localidade rioxana de Arnedo coa presenza de varios dos mellores bikers galegos. Nesta cita de nivel UCI C1, Uxía Soto (Avanza-Porriño) acadou a terceira posición na carreira cadete e outros cinco representantes da nosa comunidade clasificáronse entre os dez mellores das súas categorías.
O conxunto porriñés do Avanza contou con tres corredoreas no Top-10 da competición cadete. Nunha proba dominada con moita solvencia por Marta Cano (Bike Garraf), Soto pugnou pola segunda praza ata os últimos metros con Carla Pérez (José Sabater). A 1 minuto da ponteareana finalizou en cuarta posición a súa compañeira de equipo Aroa Otero e a actuación da formación da Louriña completouna Marta Estévez, oitava.
A un paso de asinar un segundo podio para o Avanza quedou André Martínez na competición cadete masculina. Terminou cuarto, a 35" do terceiro posto que se adxudicou Pau Arteman (Mondepra). O francés Julien Hemon (Gradignan) impúxose de xeito incontestable.
Elite-Sub23
No duro e técnico trazado rioxano, o elite Pablo Rodríguez (BH Templo Cafés) confirmou que vai a máis neste ano olímpico. O macedán rematou quinto e segundo mellor español a 1:52 do seu compañeiro de equipo e gañador da carreira raíña masculina David Valero. O romanés Vlad Dascalu (Trek) e o francés Thomas Griot (Massi) escoltaron ao andaluz nun podio que reflicte o nivel de participación que reuniu esta cita. "Boa batalla polo podio e contento de como a forma está crecendo cada semana", publicou o ourensán nas súas redes sociais.
Menos satisfeito co seu rendemento quedou Iván Feijoo. Sétimo entre os sub-23 e 23º na táboa absoluta, o de Allariz admitiu que "tocou sufrir en Arnedo". "Despois dunhas semanas cargadas de hospital e adestramentos duros era o que tocaba", explicou o corredor do BH Templos Café e estudante de Medicina.
A segunda xornada do Superprestixio MTB Faster terá lugar o 25 de abril na localidade alacantina de Tibi.
BTT
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
BTT
BTT
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es