Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Presentación do Campionato de España XCM-Lalín Bike Race-Xacobeo 2021

25 DE AGOSTO DE 2021

Máis de 500 bikers competirán este domingo na comarca do Deza

Presentacion-do-Campionato-de-Espana-XCM-Lalin-Bike-Race-Xacobeo-2021

Foto: Alfonso Santomé

A Lalín Bike Race deu un salto tan esperado como merecido. Tras o seu aprazamento forzado en 2020 pola situación sanitaria, a proba organizada polo Extol MTB Team e o club Montes do Deza estréase este ano como Campionato de España de XCM, un premio polo traballo realizado durante os anos anteriores no Open de España. Esta proba poñerá á capital do Deza no epicentro do BTT nacional, con máis de 500 participantes, entre eles os mellores especialistas do estado.

A cita foi presentada este martes no consistorio de Lalín. Neste acto estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Lalín e por parte da  Federación Ciclismo Galego participaron a súa secretaria Begoña Carpinteiro e un dos seus vogais, Óscar Sánchez. Os encargados con todo de debullar os detalles da Lalín Bike Race foron Javier Busto, presidente do Extol, e Manuel Val, do club Montes do Deza.

O primeiro deles destacou que a carreira dá este o salto para ser “a proba máis importante do BTT maratón nacional”. Desde a organización agradeceron o apoio do  Concello e da Xunta, que se uniu dentro do seu proxecto para dar a coñecer zonas do Camiño de Santiago. Busto destacou que un dos obxectivos, á marxe do deportivo, é poñer en valor o Candán. “É unha proba 100% natural, cun trazado que coidamos e mantemos todo o ano”, afirmou. Ten percorridos de 90 quilómetros para os homes e de 80 para mulleres para igualar tempos de chegada.

O ciclista dezano destacou a alta participación con ese medio milleiro de ciclistas rexistrados. “Imos crecendo ano a ano, tanto en participación masculina como feminina, con máis de 50 mulleres rexistradas nunha proba desta dureza. Esta competición vai a máis en cada edición e non sei ata onde imos chegar pero estamos moi orgullosos do grupo que temos e das empresas que nos apoian”, afirmou á vez que destacou as ríxidas medidas postas a nivel sanitario. “500 persoas en Lalín poden parecer unha tolemia na situación na que estamos pero seguimos un estrito protocolo e todos os corredores teñen que achegar un test negativo”.

Busto explicou que haberá representación de toda España, cun cartel de favoritos entre os que están os mellores, quitando só a aqueles que están coa selección no Mundial este fin semana. “En categoría masculina é complicado saber quen vai gañar. Portar esta camisola é un orgullo para calquera e é un obxectivo que todos nos marcamos. Destaca co número uno Pablo Guerrero, campión en 2019; Guille Márquez, campión de Europa no seu día; Paco Mancebo, Miguel Muñoz,  Francesc Guerra... nómina de participantes impresionante. E entre as mulleres temos á campioa de Europa, Natalia Fischer, Arantxa Salvadó ou as de casa, Susana Alonso e Lara Lois”.

Manuel  Val pola súa banda foi o encargado de detallar o programa para a fin de semana. O sábado ás 16.30 celébrase na zona de O Regueiriño unha actividade para nenos. Tamén se entregarán os dorsais e realizaranse os test da COVID a aqueles que non os fixeron no prazo marcado. Xa o domingo, sairán de O Regueiriño ás 09.00 horas. De aí irán a Donramiro, Moneixas, Soutolongo, Barcia para chegar a Pozo do Boi. Despois agarda o alto do Candán, Masgalán, Ameixedo, ata Zobra. Logo subida ao Testeiro, Couso, Chedas, Moa e de novo Pozo  do Boi para volver a Lalín, por Barcia, Botos e Donsión.

A organización conta cun centenar de voluntarios, claves para poder pechar todo este percorrido. Ademais, haberá un roteiro cicloturista de 40 quilómetros, aínda que todos os percorridos poden facerse fóra de competición.

Fonte: Faro de Vigo

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es