17 DE JULIO DE 2022
Fotos: Luz Iglesias
O Cross Country Olímpico autonómico celebrou a súa fin de festa este domingo en Ribadumia. O XCO Kiwi Atlántico puxo o doce final ao intenso calendario da Copa Galicia 2022, un certame no que en tres meses e medio se disputaron un total de nove probas. Co elite Saúl López (Academia Postal-Maceda) como principal protagonista da temporada, ao asinar un pleno de vitorias, na novena e última xornada producíronse dúas variacións na nómina de trece bikers que se adxudicaron as clasificacións xerais das súas categorías.
O Club Ciclista Ribadumia organizou a segunda edición do seu XCO no circuíto de Lois, tendo como epicentro as instalacións de Kiwi Atlántico, e a calor afectou máis ao estado do terreo que aos ciclistas. O sol non quentou tanto durante a proba como nos días anteriores, pero as temperaturas tan altas rexistradas ao longo da semana provocaron que o percorrido presentara ‘zonas rotas’. Esa circunstancia causou un bo número de caídas, ningunha delas grave.
De bicar o chan non se salvou a júnior Uxía Soto (Supermercados Froiz), quen malia ese contratempo impúxose no seu grupo de idade e ademais cruzou a liña de meta antes que as elites nas tres voltas que ambas categorías deron ao circuíto. O triunfo na categoría raíña correspondeu, con remonta a incluída, a Eva Ortega (Extol) tras concluír a primeira volta por detrás de Irene Trabazo (XSM).
Na outra carreira feminina, a cadete, estaba o título da Copa Galicia en xogo. Aroa Otero (Supermercados Froiz) e Lorena Patiño (Compostelano-Muebles Compostela) chegaban empatadas a puntos e corredora do conxunto santiagués decantou a balanza ao seu favor erguendo os brazos en Ribadumia. Xunto a elas competiu a gañadora máster-40 Andrea Pousada (Poio Bike).
Nove de nove
Cunha solvencia similar á das oito anteriores xornadas, Saúl López certificou o seu pleno de triunfos na proba elite-sub23. O monfortino marchouse en solitario na primeira das cinco voltas e cun tempo de 1 hora 20 minutos e 32 segundos selou a súa nove vitoria noutros tantos eventos. Jorge Punzón (Cosmos), segundo clasificado, entrou a 2’26” e coa terceira praza fíxose Manuel Parada (Xesteiras). En canto aos sub23, o primeiro posto correspondeu a David Aragunde (Armenteira e Punto).
No resto do programa masculino había dúas xerais por decidir. Jose Carlos Sanmiguel (Ourense Termal) defendeu cun triunfo a súa condición de líder máster-30, mentres que nos máster-40 malia que Iván Pereira conseguiu a vitoria vestindo a camisola da Copa, ao segundo clasificado Marcos Mayo (BTT O Treito) bastoulle con facer segundo para adxudicarse o ranking, unha vez aplicada a corrección que permite eliminar o peor resultado da temporada. O cadro de gañadores da xornada completárono o cadete Alejandro García (Carballiño),o júnior Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) -cunha sensacional remonta despois de caer--, o máster-50 Rafael Rea (Ribadumia) e o máster-60 Jose Manuel González (Maceda).
Trece títulos individuais e un colectivo
A entrega de premios en Ribadumia tamén serviu como cerimonia de clausura da Copa Galicia XCO. As bikers e os bikers que lideraron as clasificacións xerais das súas categorías logo de novo xornadas foron Lorena Patiño e Alejandro García en cadetes, Uxía Soto e Martín Sestelo en juniors, Andrea García (Academia Postal-Maceda) e Anxo Carril (Coruxo) en sub23, Irene Trabazo e Saúl López en elites, José Carlos Sanmiguel nos máster-30, Silvia García (Bici Verde) e Marcos Mayo en máster-40, Manuel Castro (Toxo) nos máster-50 e José Manuel González nos máster-60. Ademais, o Academia Postal-Maceda obtivo o título por equipos.
A coroación das mellores e dos mellores deste certame autonómico coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) contou coa presenza como autoridades do alcalde de Ribadumia, David Castro; do Concelleiro de Deportes, Carlos Esperón; do xerente de Kiwi Atlántico, Carlos Vila; do presidente do Club Ciclista Ribadumia, Javier Pombo; do presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz; e do directivo da FCG, Óscar Sánchez. O pano do calendario galego baixouse na fin de semana anterior ao Campionato de España que terá lugar na Candeleda (Avila).
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es