18 DE ABRIL DE 2023
Fotos: Jamón Bike / Federaçao Portuguesa
O Cross Country Maratón (XCM) galego colleitou postos de podio nos dous principais desafíos que durante a última fin de semana se disputaron na península ibérica. A Copa de España levantou o pano coa Jamón Bike, proba na que Daniel García (Xesteiras) logrou a terceira posición máster-30 na localidade turolense de Calamocha (Teruel). Pola súa banda, a máster-40 Ana González (Mitto-X Sauce) e o máster-30 Esteban Sánchez (RG Bikes) impuxéronse nos seus grupos de idade na segunda cita da Taça de Portugal, a Maratona de Mortágua.
As primeiras camisolas de líderes do certame coordinado pola Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) puxéronse en xogo o pasado sábado nun percorrido de 95 quilómetros e 2.100 metros de desnivel positivo acumulado. A Jamón Bike, evento de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI), tivo como mellor clasificado da nosa comunidade a Javier Busto (Extol), 26º na táboa absoluta e décimo oitavo na elite. A 2'13" do lalinense rematou Daniel García, ocupando a 33ª praza scratch, resultado que lle serviu para facer terceiro nos máster-30.
O terceiro galego na meta foi o elite Iago Fernández Obenza, no posto 60, e xunto ao elite do Extol chegou o seu compañeiro de equipo Diego Marnotes, que se meteu no top-10 sub23 como noveno clasificado. En canto aos máster-50, José Ramón Gómez Bestilleiro (Xesteiras) terminou cuarto e Aquilino Casalderrey (Ribadumia), noveno.
A un paso de pisar o caixón tamén se quedou a elite Susana Alonso (Extol), cuarta tanto na súa categoría como na xeral, mentres que Desiree Fernández (Ribadumia) ocupou a oitava posición elite e a décimo quinta absoluta. O seguinte maratón da Copa de España será a Lalín Bike Race o vindeiro 4 de xuño. Máis información
Taça de Portugal
A mesma distancia que en Calamocha afrontaron o domingo en Mortágua os bikers masculinos da segunda xornada da Taça de Portugal Credibom. Nos 95 km por territorio luso, con 2.800 metros de desnivel positivo acumulado, o mellor máster-30 foi Esteban Sánchez, décimo noveno entre todos os participantes.
Vinte quilómetros menos tiveron que percorrer as mulleres e Ana González repetiu a vitoria máster-40 lograda na apertura deste certame, concluíndo nesta ocasión sexta na clasificación scratch feminina. O circuíto de maratóns da Federaçao Portuguesa de Ciclismo continuará o 28 de maio en Estremoz. Máis información
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es