15 DE AGOSTO DE 2023
A temporada de ciclocrós comeza en Galicia en pleno mes de agosto. A falta de mes e medio para o arranque das competicións, a Federación Ciclismo Galego (FCG) organizou por terceiro ano consecutivo o seu Campus de CX. Catro días de adestramentos, charlas e actividades de lecer que tiveron como escenario Marín e epicentro as instalacións do Colexio SEI San Narciso. Unha convivencia na que se demostrou que a modalidade invernal do ciclismo tamén é para o verán.
Unha vintena de ciclocrosistas participaron, do 7 ao 10 de agosto, nesta actividade reservada a Infantís de 2º ano, Cadetes e Juniors de 1º ano. Formando parte deste grupo de corredoras e corredores federados estiveron dous mozos chegados dende Mallorca. De dirixir o intenso progama de actividades que combinou formación e diversión encargouse José Alberto del Río, técnico da FCG.
Os adestramentos, co principal obxectivo de perfeccionar aspectos técnicos, celebráronse no circuíto de Chan de Gagán e no monte do Lago de Castiñeiras. A unha destas sesións en bicicleta sumouse Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. Non foi a única visita que recibiu o pelotón deste campamento Ciclismo Galego. Pablo Alfaya, de Bicimecánica Toñi Porto, impartiu unha charla sobre mecánica; os seus coñecementos sobre alimentación e habitos saudables compartiunos o nutricionista Jaime Juncal; e no bloque formativo tamén participaron as corredoras juniors María Filgueiras (XSM) e Aroa Otero (Supermercados Froiz), que explicaron as súas experiencias en competicións internacionais e en campus de CX.
O tempo dedicado ao entretemento resultou do máis variado. As mozas e os mozos practicaron pádel nas pistas do SEI San Narciso, compartiron unha tarde de praia no areal de Portocelo, desfrutaron dos circuítos e das tirolesas do Ecoparque Multi-Aventura de Marín e realizaron unha ruta nocturna. Tampouco faltaron as tertulias e na hora de xantar seguiron con atención as retransmisións do 'Súper Mundial' de Ciclismo de Glasgow.
O Campus de Ciclocrós Ciclismo Galego comezou ao día seguinte da clausura do de Mini DH na Estación de Montaña de Manzaneda. Dúas iniciativas coas que a FCG conseguiu o obxectivo de aproveitar as vacacións escolares do verán para profundar na paixón pola bicicleta das promesas do noso deporte.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es