Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas

23 DE OCTUBRE DE 2023

A júnior Alba Fernández e a infantil Ainoa Posada conquistaron os títulos. Subcampionatos para Sergio Veiga nos elite-sub23 e Xoel Pereira nos juniors

Gran-estrea-da-Seleccion-de-Galicia-no-Campionato-de-Espana-de-Pump-Track-dous-ouros-e-duas-pratas

O traballo dos clubs galegos para poñer en marcha esta temporada un calendario autonómico e federado de Pump Track recolleu os seus froitos este domingo na localidade oscense de Fraga. Galicia foi a revelación do Campionato de España na súa estrea como Selección. O combinado dirixido por Eva Castro conseguiu dúas medallas de ouro, por medio da júnior Alba Fernández e da infantil Ainoa Posada, e dúas de prata, cos subcampionatos de Sergio Veiga nos elite-sub23 e de Xoel Pereira nos juniors.

A magnifica, e ao mesmo tempo sorprendente, colleita de podios galegos completouse con catro metais acadados por riders que defenderon as cores dos seus clubs. Toda a representación da nosa comunidade, formara ou non parte da expedición da Selección de Breogán, conviviu no paddock montado pola Federación Ciclismo Galego (FCG), onde se respirou un sensacional ambiente durante os dous días do evento e o mecánico do combinado autonómico Pablo Alfaya atendeu a todas as corredoras e corredores de Galicia que llo solicitaron. 

Os dous títulos da Selección conquistáronos riders femininas que pertencen a equipos de Ponteareas. Ambas dominaron as tres quendas nas súas categorías nun circuíto técnico, grande e esixente. A júnior Alba Fernández, do Pontebike, asinou un mellor rexistro de 18 segundos e 36 centésimas, batendo por máis de 1 segundo e 61 centésimas a Alba Fabiola Contamina (BMX School Zaragoza). O terceiro chanzo do podio ocupouno Inés Chinchilla (Andalucía).

Outro pleno de mellores tempos protagonizouno Ainoa Posada nas infantís. A corredora do Lynalfa Ponteareas superouse a si mesma en cada aparición na pista e na terceira e última manga detivo o reloxo en 19.22. Con esa marca impúxose a Valeria Banzo (Aragón) por 40 centésimas e a Yurena Aguilar (Andalucía) por más de 2". 

imagen

O duelo estelar na segunda edición do Campionato de España de España deuse na categoría raíña masculina. O sub23 Sergio Veiga levou ao límite ao gran referente estatal do BMX durante moitos anos e actual seleccionador español de Pump Track, ao elite Jesús Alcojor. O rider da Selección de Galicia baixou da barreira dos 15" na terceira e definitiva quenda. O 'crono' de 14.92 dáballe o título, pero o manchego aceptou o desafío e cun rexistro de 14.79 deixou co mel nos beizos ao piloto do CiclosQuintena, mellor sub23 desta cita. Xunto a eles subiu ao caixón Esteban Abad (Aragón) e entre os dez primeiros meteuse Iván García (Pontebike), oitavo clasificado. 

imagen

A un paso de vestirse coa camisola 'rojigualda' tamén se quedou o júnior Xoel Pereira coas cores do combinado galego. Dende a primeira serie o corredor do Bici Verde apropiouse da segunda posición e na última manga rubricou a súa mellor actuación: 16.14. A competición xuvenil manexouna con autoridade o talaverano Ángel Heras (Los Pinos), gañando por 1.33 de diferenza. Co bronce fíxose Diego Vázquez (Olímpico de Madrid) apuntándose un vibrante duelo a tres no que Raúl Gándara, da Selección de Galicia, acabou empatado no cuarto posto con Aitor Lozano (BMX Alicante) e a unicamente 3 centésimas de terceira posición. 

imagen

Baixo a dirección de Eva Castro competiron un total de oito riders. Xabi Rial, o representante de Galicia nos cadetes, terminou sétimo e na categoría infantil Arón Gómez e Mario Barreiro anotáronse a duodécima e a décimo cuarta praza, respectivamente. "O balance é fenomenal", sinala a seleccionadora, que máis alá dos resultados destaca a experiencia que supuxo este campionato para corredoras e corredores que están en idades de formación. 

Catro medallas máis

Para a nosa comunidade viñéronse outras catro medallas que recibiron no podio de Fraga pilotos que competiron cos seus clubs. Carlos Díaz (CiclosQuintena) colgouse a de ouro nos Máster-30B; Álvaro Costas (Cromoly), a de prata na categoría Promesa 5-6; e na Principiante houbo dobre presenza galega no caixón, con Delia Campelo (Gacela) no segundo chanzo e Vera Rodríguez (Avanza-O Porriño) no terceiro. 

"Estou moi orgullosa e incluso sorprendida porque nós somos absolutamente novatos, a diferenza doutros puntos de España nos que levan correndo dende pequenos en BMX. Malia ese hándicap e ter que adaptarse ás características do circuíto, todo saíu moi ben", afirma Eva Castro, que felicita aos responsables do evento por unha "moi boa organización" e ás e aos riders de Galicia polo nivel amosado na competición: "Arriscaron moito e a xente quedou impresionada con actuacións como a de Sergio Veiga". 

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas
Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas
Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas
Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas
Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas
Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas
Gran estrea da Selección de Galicia no Campionato de España de Pump Track: dous ouros e dúas pratas
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es