18 DE NOVIEMBRE DE 2024
Fotos: RFEC
O debut da Selección de Galicia de Ciclocrós na temporada 2024-2025 concluíu este domingo cun cobizado premio para unha das súas corredoras. A cadete Nerea Soto subiu ao podio da Copa de España como terceira clasificada no XII Ciclocross Internacional Ciudad de Alcobendas-EnBici. A cita madrileña non sorriu en exceso aos representantes da nosa comunidades e dos tres especialistas do noso CX que chegaron vestidos de líderes á penúltima xornada do certame estatal, só un conservou a camisola de primeiro na xeral.
Vintecatro horas despois do evento disputado no circuíto conquense de Tarancón, a Selección de Breogán volveu competir en dúas carreiras. O seu mellor resultado da fin de semana chegou na proba cadete feminina. A ponteareá Nerea Soto, de primeiro ano na categoría, obtivo a terceira posición e estreouse pisando o caixón da Copa de España. As diferenzas entre as tres primeiras foron mínimas. Venceu a castelaleonesa Gisela Herrezo (Vertize Team) con 4 segundos de marxe sobre a vasca Noa Vega (Hondarmendi) e con 17" respecto á ciclista do Lynalfa-Ponteareas. A cuarta clasificada, Carla Bañuls (Federación Valenciana), xa cedeu 37" en relación á vencedora.
A piques de meterse entre as dez primeiras quedou Vega Aldrey, undécima. Xiana Seijo (16ª), Leire García (20ª) e Antía Torres (24ª) foron as outras tres corredoras que luciron as cores de Galicia.
O seleccionador José Alberto del Río dirixiu a un total de doce cadetes e na carreira masculina o conxunto autonómico conseguiu un top-5 agridoce. Lucas Lozano fixo quinto, mellorando a sexta posición asinada na véspera, pero non puido manterse como líder do ranking. O aragonés Axel Roy (Huesca La Magia) impúxose e asaltou o primeiro posto da xeral, unha táboa que agora comanda con 6 puntos máis que o castelanleonés Pablo Jiménez (Vertize Team) e avantaxando en 7 puntos ao marinense do XSM.
Na boa actuación colectiva de Galicia tamén sobresaíu o redondelán Guillermo García, de primeiro ano na categoría, ocupando a oitava praza. Compartindo grupo remataron Jorge Lorenzo (16º), Pedro Cidrás (17º) e José Manuel Pintos (18º), e 15 segundos despois completaron a proba xuntos Aarón Rodríguez (22º) e Lucas Blanco (23º).
Avaría de Miguel Rodríguez
A fortuna non acompañou a Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) na competición raíña masculina. Segundo en Tarancón, o ponteareán do Supermercados Froiz sufriu unha avaría mecánica en Alcobendas que o arrastrou á décimo sétima posición e custoulle a perda da camisola de mellor sub-23 na xeral. Ese maillot pertence agora, e con 12 puntos de colchón, a outro ciclocrosista do Supermercados Froiz, ao valenciano Raúl Mira. En canto ás elite e sub-23, Laura Mira (Farto) terminou sexta sub-23 e duodécima absoluta; Aroa Otero (Supermercados Froiz) oitava sub-23 e décimo cuarta absoluta; e Uxía Soto (Extol Zambora), novena sub-23 e décimo quinta absoluta.
Máster
A camisola de líder que segue correspondendo a un galego é a máster-40 masculina. Andrés Calvete (Monte Xalo) acadou a terceira e presentarase na última xornada cun colchón de 6 puntos sobre o cántabro Isaac Suárez (Nesta-MMR), a única ameaza matemática para o cambrés. Neste grupo de idade Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) anotouse a oitava posición.
A súa condición de campión de Europa exhibiuna o porriñés Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) apuntándose a vitoria nos máster-60, categoría na que Darío Buceta (Farto) acabou sexto. O resto de máster da nosa comunidade que se meteron nos dez primeiros dos seus grupos de idade foron Eloy Otero (In Situ), cuarto nos 50; Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) e Jonathan Sousa (In Situ), quinto e noveno respectivamente nos 30; e María Sonsoles González (In Situ), sétima nas 50.
A Copa de España despídese ata o mes de decembro, cando se celebrará o día 14 o IX Ciclocross Internacional Ciutat de Xàtiva en Valencia, sétima e última xornada do calendario.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es