Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lara Lois inicia a defensa do Open de España XCM cun terceiro posto en Cambrils

11 DE ABRIL DE 2021

O máster-30 Manuel Casuso (Xesteiras) asinou o mesmo resultado que a elite do Extol

Lara-Lois-inicia-a-defensa-do-Open-de-Espana-XCM-cun-terceiro-posto-en-Cambrils

Foto: RFEC

Dous galegos subiron ao podio no primeiro desafío do Open de España de Cross Country Maratón (XCM). Lara Lois iniciou a defensa do título conquistado no 2019 logrando o terceiro posto na Scott Marathon Cup de Cambrils e na mesma posición que a elite do Extol MTB Team rematou Manuel Casuso (Club de Montaña Xesteiras) na categoría máster-30. Entre os 760 bikers que alcanzaron a liña de metra houbo outros tres representantes autonómicos, todos eles do Extol, que ocuparon prazas de Top-10 nos seus grupos de idade. 

Despois de non poder celebrarse o pasado ano por mor da pandemia da covid-19, o certame estatal de BTT Maratón regresou na provincia de Tarragona cun percorrido de 60 quilómetros e 1.600 metros de desnivel positivo acumulado. Os carreiros húmidos foron determinantes para romper a carreira, nun bucle intermedio espectacular, con zonas boscosas cheas vexetación. Nunha xornada que amenceu con chuvia fina, o treito inicial de subida fixo unha primeira selección de ciclistas, pero as grandes diferenzas chegaron a partir do km 30.

Na proba feminina, Arantxa Salvado (Gobik) venceu en solitario cun tempo de 2 horas 50 minutos e 7 segundos. A catalana obtivo unha renda de 2:21 sobre as súas perseguidoras Lourdes Cayetano e Lois, que se xogaron o segundo posto nos metros finais coa corredora do Biking Point batendo á grovense. A outra elite do Extol, a mosense Susana Alonso, finalizou oitava na clasificación scratch. 

A emoción tamén estivo presente ata as últimas pedaladas na categoría máster-30 masculina. A diferenza entre o primeiro e o cuarto clasificado limitouse a 34". O gañador Iván Romero (Ejarom) e Enric Martorell (BGTeam) entraron xuntos e a 27" deles fíxose coa terceira posición Casuso, decantando ao seu favor o igualado duelo con Daniel Milian (Vall d'Uxo).

O biker do Xesteiras foi o mellor galego na clasificación absoluta, superando en 9" a Abel Franco (Extol), sexto nos sub23. Entre os elites, Alberto Alanis (Burgas Bike) concluíu 30º e Javi Busto (Extol), 34º. A continuación do lalinense chegou o seu compañeiro de equipo Miguel Ángel Arias, sétimo nos máster-40.

A segunda das sete citas que compoñen o calendario do Open de España de XCM 2021 terá lugar o 1 de maio en Sant Joan de Moro (Castellón).

 

Clasificacións

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es