Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Nicolás Carrera, Manuel Loureiro e Santos Lemos triunfan no Open de España de Enduro en La Adrada

07 DE SEPTIEMBRE DE 2021

O sub23 vigués fíxose coa vitoria scratch. Mauro González e Zoe del Río obtiveron os segundos postos nas súas categorías.

Nicolas-Carrera-Manuel-Loureiro-e-Santos-Lemos-triunfan-no-Open-de-Espana-de-Enduro-en-La-Adrada

Dominio galego nas clasificacións masculinas da segunda e penúltima cita do Open de España de Enduro. O sub23 Nicolás Carrera (Team Justbikes-Transition) liderou este domingo o festival autonómico anotándose o triunfo absoluto no IV Enduro La Adrada. O júnior Manuel Loureiro (Coruxo) e o máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) tamén subiron ao máis alto do caixón na provincia de Ávila. 

O principal adversario de Carrera foi outro sub23, Alex Iscla, que marcou o mellor rexistro no primeiro dos catro treitos cronometrados. O vigués ocupou a segunda praza e no seguinte parcial xa tomou o mando da táboa scratch, volvendo asinar o tempo máis rápido no terceiro. A súa vitoria rubricouna cun segundo posto no desenlace da competición. 

Cun rexistro final de 17:49.41, Carrera impúxose por 6 segundos a Iscla e obtivo o seu primeiro éxito desta temporada no Open de España. Outro galego, David Fernández (Avanza) finalizou sexto entre os sub23.

O caixón absoluto completouno o gañador elite Anaue Rodrigues, cun tempo de 18:12.81. O líder do Open bateu por 8 segundos a Mauro González (Salvaterra de Miño). Este resultado permite ao actual campión de Galicia na categoría raíña ascender ata a segunda praza no ranking do certame estatal.

Dobrete

O potencial da canteira galega volveu quedar de manifesto na competición júnior masculina. O baionés Manuel Loureiro fíxose coa vitoria nun apertado man a man con Zoe del Río (XSM) que se resolveu por 2 segundos e 49 centésimas de diferenza. O dobrete autonómico relegou á terceira posición a Asier García (Zaragoza), que se mantén líder do Open con 5 puntos de vantaxe respecto ao representante do conxunto de Marín. 

O terceiro triunfo que se veu para Galicia conseguiuno Santos Lemos. O rider da Grupeta Pan de Zarko non deu ningunha opción ao resto dos máster-30, adxudicándose o primeiro posto no seu grupo de idade por unha marxe superior ao minuto. Os 200 puntos sumados en La Adrada reforzan o seu liderado na xeral. 

Outros top-10 autonómicos entre os masters protagonizarónos Pedro Dapena (CiclosQuintena), quinto nos máster-40, e José Ernesto Camesella (Monteboi) e Juan José Coego (CiclosQuintena), sexto e noveno respectivamente nos máster-50. 

O Open de España 2021 concluirá o vindeiro 3 de outubro na nosa comunidade coa disputa en Moaña do Endurrazo, evento organizado polo THC Bike. 

Clasificación La Adrada

GALERÍA DE FOTOS

Nicolás Carrera, Manuel Loureiro e Santos Lemos triunfan no Open de España de Enduro en La Adrada
Nicolás Carrera, Manuel Loureiro e Santos Lemos triunfan no Open de España de Enduro en La Adrada
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es