Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón

27 DE SEPTIEMBRE DE 2021

Ana González Cuña venceu na clasificación absoluta feminina

Ivan-Feijoo-e-o-XCM-Audi-Selection-Plus-Concello-de-Pinor-estreanse-na-Copa-Galicia-de-Maraton

Doce debut por partida dobre na Copa Galicia de Maratón. Na súa estrea no calendario, o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor contou como padriño de luxo cun corredor que tamén se bautizaba no certame autonómico dos fondistas. Iván Feijoo (BH Templo Cafés UCC) dominou a proba organizada este domingo polo Ourense Termal Clube Ciclista, que tivo como madriña a Ana González Cuña (Mitto X-Sauce Team) na táboa absoluta feminina e que só provocou un cambio de líder nas clasificacións xerais.

A terceira e penúltima cita da Copa, sacada adianta nun tempo récord e de xeito moi satisfactorio, presentou como desafío dúas voltas a un circuíto de 36 quilómetros. Neste percorrido de moitos sendeiros de sobe e baixa, e cun longo descenso despois da última subida, acumulábanse 1900 metros de desnivel positivo. Á maioría das e dos bikers agradoulles a dificultade técnica media dunha ruta con moitas pedras, o que obrigou a prestar a máxima atención para non cometer erros.

O manexo da bicicleta é un dos puntos fortes de Iván Feijoo, actual campión de España sub23 de ciclocrós e que regresou á competición en Piñor tras a súa participación coa selección española no Mundial de XCO celebrado a finais de agosto en Val di Sole. O alaricano abriu oco nos primeiros quilómetros na compaña de Saúl López (Academia Postal-Abanca) e Javier Busto (Extol MTB).

Unha picada do vixente campión autonómico desta especialidade antes de que concluíra a primeira volta reduciu a cabeza da carreira ao dúo formado por Feijoo e Busto. O de Allariz e o de Lalín pasaron xuntos pola liña de meta cunha ampla vantaxe, mentres que López sufriría posteriormente outra picada e rematou noveno, por detrás do que é habitual no monfortino.

A mecánica tamén resultou decisiva no pulso pola vitoria. Busto picou durante o segundo xiro ao circuíto e perdeu moito tempo ao non dispor de bombonas de CO2, deixando vía libre para que Feijoo inaugurara o palmarés deste maratón. O sub23 do BH Templo amosouse implacable, sen cometer erros, e cruzou a liña de meta cando o cronómetro marcaba 3 horas 17 minutos e 10 segundos.

Busto salva o maillot elite

A dez minutos do vencedor, Alberto Alanis (Burgas Coluer) anotouse o segundo posto na xeral e o primeiro elite entrando xunto a Manuel Casuso (Xesteiras), que conseguiu unha axustada vitoria nos máster-30 batendo por 13” a Daniel García (Muros), líder neste grupo de idade e que pasa a encabezar a táboa absoluta da Copa. O top-5 completouno o elite Yago Fernández (Os Mosqueteiros) e sexto finalizou Busto, que malia o seu infortunio continúa ao fronte do ranking Elite.

A categoría que cambia de líder é a máster-40. Miguel Arias (Extol), segundo en Piñor por detrás de Antonio Rodríguez (Ourense Termal), arrebata a camisola da Copa a Alejandro Trasbach (Xesteiras), ausente nesta proba. En canto aos máster-50, venceu Julio Fernández (Dúas Rodas) e José Ramón Castelo (Barbanzabike) segue primeiro no ranking, mentres que nos máster-60 Carlos Gómez (Ourense Termal) reforzou o seu liderado exercendo de anfitrión.

Triunfo máster-40

 A competición feminina arrancou marcada pola baixa de Susana Alonso (Extol). A líder destacada da clasificación elite aínda non está recuperada da súa caída no Open de España de Ávila. Sen a mosense, a máster-40 Ana González Cuña tomou o mando dende o principio e conseguiu unha clara vitoria. A porriñesa do Mitto X-Sauce, cun rexistro de 4:30:28, avantaxou en 10 minutos e 45 segundos á elite Mar Delgado (Monteneme).

A terceira praza scratch ocupouna Rebeca Muñoz (Ribadumia), líder máster-40 e agora tamén da táboa absoluta. Cuarta clasificouse a elite Desiree Fernández (Rsbike) e Sofía da Silva (Mosqueteiros), dominadora do ranking máster-30, rematou quinta.

A primeira edición deste maratón na provincia de Ourense baixou o pano coa cerimonia de podio na que o alcalde de Piñor, José Luis González Rodríguez, xunto ao concelleiro de Deportes, Manuel Diéguez Guerra, e o representante de Audi Selection Plus (Apersa), Martín Manso, encargáronse de entregar os premios e as camisolas da Copa. Pola mañá, no corte de cinta, estivo presente Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. O certame autonómico de Cross Country Maratón concluirá o vindeiro domingo en Carballo coa disputa da XVIII Marcha Costa da Morte.

Clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón
Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón
Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón
Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón
Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón
Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es