Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alberto Alanís emerxe entre a lama da Costa da Morte para adxudicarse a Copa Galicia XCM

04 DE OCTUBRE DE 2021

Susana Alonso venceu en Carballo, pero Rebeca Muñoz resistiu no máis alto do ranking absoluto feminino

Alberto-Alanis-emerxe-entre-a-lama-da-Costa-da-Morte-para-adxudicarse-a-Copa-Galicia-XCM

Foto: JM Ferreiro

O certame máis épico do BTT autonómico contou cun importante extra de dureza na súa despedida. A lama apoderouse este domingo do trazado da XVIII Marcha Costa da Morte, cuarta e última cita da Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM). Un desafío de 74 quilómetros e moito barro no que Alberto Alanís (Burgas Bike) venceu na liña de meta de Carballo e fíxose co título absoluto masculino, mentres que a gañadora feminina Susana Alonso (Extol MTB Team) non puido desbancar do primeiro posto do ranking a Rebeca Muñoz (Ribadumia).

As chuvias caídas o día anterior condicionaron a ruta preparada polo Club Ciclista Monteneme. Aos constantes charcos e ao peso da arxila houbo que engadir as follas de eucalipto espalladas polo temporal. Un percorrido complicado que de estar seco tería sido moi rápido, pola cantidade de pistas que presenta, salvo nas duras e técnicas subidas, ascensións que teñen miga. En total, contabilizando os participantes que se inscribiron nas dúas marchas cicloturistas (de 35 e 51 km), déronse cita 379 bikers

Ao derradeiro evento desta Copa chegaba Susana Alonso vestida de líder elite, pero tras perderse a semana pasada a proba de Piñor por mor de problemas físicos estaba a 50 puntos de Rebeca Muñoz na táboa absoluta. A elite mosense do Extol necesitaba gañar e que a máster-40 do Ribadumia non terminara entre as tres primeiras. 

Alonso cumpriu coa súa parte. Cun tempo de 4:08:46 venceu con 9 minutos de vantaxe sobre a elite anfitrioa Mar Delgado (Monteneme). Porén, o terceiro triunfo da de Mos nesta edición da Copa non lle permitiu asaltar o primeiro posto na clasificación scratch. Muñoz cruzou a meta terceira, con case 4' de marxe respecto á líder máster-30 Sofía da Silva (Os Mosqueteiros), e adxudicouse o título absoluto por unha diferenza de 10 puntos. 

Triplo premio

Aínda máis axustado estaba o ranking masculino. O máster-30 Daniel García (Muros) comandaba a táboa con 5 puntos de vantaxe sobre Alanís e Javier Busto (Extol MTB Team), que entre eles se xogaban a xeral elite. Unha emocionante pugna a tres bandas na que a sorte, por segunda xornada consecutiva, non lle sorriu ao lalinense.

Busto marchaba xunto a Alanís perseguindo ao máster-30 Manuel Parada (Xesteiras), que rodaba en solitario e chegou a gozar dunha vantaxe de 2 minutos, cando o do Extol sufriu unha picada que lle obrigou a abandonar. Sen acompañante, o corredor de Quiroga conseguiu ir reducindo a diferenza ata contactar coa cabeza de carreira a falta de 300 metros. 

Alanís, cos dous rankings no peto, asinou un triplo éxito neste emocionante desenlace ao impoñerse en Carballo cun rexistro de 3:18:18, batendo por 2 segundos a Parada. A terceira praza, a 4:17 do gañador, correspondeu ao elite Yago Fernández (Os Mosqueteiros). Cuarto finalizou o elite Manuel Casuso (Xesteiras) e quinto, Miguel Arias (Extol MTB Team), primeiro máster-40. O cadro de vencedores completárono o máster-50 Manuel Castro (Barbanzabike) e o máster-60 Carlos Gómez (Ourense Termal).

Líderes finais

A cerimonia de podio serviu para coroar aos triunfadores da xornada e tamén nas xerais definitivas da Copa. O certame de XCM regresou esta campaña ao calendario con catro eventos (Os Mosqueteiros, Ruta do Lacón, Audi Selection Plus en Piñor e Marcha Costa da Morte) e tivo como líderes finais por categorías a Susana Alonso e Alberto Alanís en elite, a Sofía da Silva e Daniel García en máster-30, a Rebeca Muñoz e Miguel Arias en máster-40, a José Ramón Castelo (Barbanzabike) nos máster-50 e a Carlos Gómez nos máster-60. 

Este acto de clausura contou coa presenza de Marcos X. Trigo, concelleiro de Cultura e Deporte; Juan Seoane, concelleiro de Feiras e Mobilidade; Miguel A. Vales, concelleiro de Medio Ambiente; e Víctor González Gende, presidente do Monteneme. 

Ao calendario de XCM autonómico réstalle unha cita. O vindeiro 17 de outubro a Viveiro Bike Xtreme exercerá de Campionato de Galicia. 

Clasificacións 

Copa Galicia XCM

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es