Fany Cabarcos e Zoe del Río impóñense no colofón da Copa Galicia DHI en Vilaboa

19 DE SEPTIEMBRE DE 2022

Gemma Chapela e Kevin Méndez defenderon con éxito as camisolas de líderes elites

Fany-Cabarcos-e-Zoe-del-Rio-imponense-no-colofon-da-Copa-Galicia-DHI-en-Vilaboa

Foto: Yaiza Fernández Pérez / Laureano Freire Ulbeira

A temporada do regreso ao calendario da Copa Galicia DHI despediuse con moito ambiente este domingo en Vilaboa. O DH VK Bikes, cuarto e último evento do certame autonómico, definiu o cadro de líderes finais nun divertido descenso no que o numeroso público puido ver en acción a 150 riders. A elite Fany Cabarcos (Rocasport Giant) e o sub23 Zoe del Río (XSM) reinaron nas clasificacións absolutas da xornada, e Gemma Chapela (VK Bikes) e Kevin Méndez (Rocasport Giant) resistiron á fronte das xerais elites. 

As chuvias dos días anteriores mudaron por completo as condicións do circuíto. Dunha baixada extremadamente seca pasouse a un circuíto moi rápido. O tempo axudou e do resto encargouse a organización do VK Bikes, para desfrute do centenar e medio de participantes e dos espectadores, espallados por todo percorrido e que ateigaron os puntos máis espectaculares. 

O trazado podía divirse en tres sectores: o primeiro, con grandes saltos e zonas estreitas entre árbores; o segundo, aberto recentemente e que debido á fluidez que ofrece permite realizar diferentes trazadas; e o terceiro, co paso tanto pola trialeira máis técnica como pola zona de máis velocidade antes de concluír con tres saltos para recrearse. 

Para facerse coa vitoria era indispensable baixar da barreira dos 2 minutos e 50 segundos. Ata dez pilotos cumpriron ese requisito e entre eles apuntouse o mellor rexistro scratch da quenda final Zoe del Río (2:47,262). Malia que o sub23 marinense superou en 1" o seu crono da clasificatoria, conseguiu o seu primeiro triunfo absoluto con 6 décimas de vantaxe respecto ao vencedor elite Francisco Vilaboa (Singletrack).

A terceira praza acadouna o sub 23 Nicolás Carrera, a 1,3" do gañador, e cuarto fixo Kevin Méndez, defendendo con éxito a camisola de líder elite da Copa. O top-5 completouno o elite Gabriel Alonso (Tribu del Ñu). 

Ao máis alto do podio subiron no resto de grupos de idade Raúl Romero (A Forna) nos cadetes, André Martínez (Avanza-O Porriño) nos juniors, Alejandro Vila (Xtrembike) nos máster-30, José Manuel López Vaqueiro (X Bikes) nos máster-40 e Ricardo Escudero (Poio Bike Club) nos máster-50. Ao marxe da Copa disputouse a categoría infantil, con triunfo de Mario Barreiro (V Bikes), e de Enduro, sendo Carlos Núñez (Kamikazes) o primeiro clasificado. 

 Estrea na clausura

 A vixente campioa autonómica elite Fany Cabarcos irrompeu na Copa na clausura do calendario. Na súa primeira participación desta campaña no certame galego impúxose con solvencia, por 24" de marxe, tras deter o cronómetro en 3:22,715. A naronesa baixara un segundo e medio máis rápido na clasificatoria. 

A pugna máis igualada na competición feminina viviuse pola segunda praza absoluta. Entre a sub23 Uxía Álvarez e a líder elite Gemma Chapela houbo case 2" de diferenza favorables á corredora do Coruxo. Cuarta na categoría raíña terminou Alejandra Chapela (Kamikazes).

En canto ás cadetes, María Filgueiras (XSM) bautizouse nesta especialidade anotándose a vitoria nunha categoría que vai a máis e rexistrou catro participantes. As outras triunfadoras da xornada foron a máster-30 Tamara Méndez (+Enduro) e Nayra Giráldez (Monteboi) na proba infantil, fóra do programa da Copa. 

Doce líderes finais

A proba de Vilaboa pechou o certame autonómico de Descenso 2022, un circuíto de eventos que chegou á provincia de Pontevedra logo de dúas citas na estacion de montaña ourensá de Manzaneda e do DH Molinos en terras lucenses. A cuarta xornada non provocou ningún cambio no máis alto dos rankings e doces riders conquistaron as camisolas de líderes das súas categorías: Natalia Menéndez (Cuetos Bike) e Raúl Romero en cadetes, Cristina Menéndez (Cuetos Bike) e André Martínez en juniors, Uxía Álvarez e Zoe del Río en sub23, Gemma Chapela e Kevin Méndez en elites, Tamara Méndez e Iván Mourelo en máster-30, Jose Montenegro (Moto Bike) nos máster-40 e Ricardo Escudero nos máster-50. 

 

Clasificacións DH VK Bikes

Sección da Copa Galicia 

GALERÍA DE FOTOS

Fany Cabarcos e Zoe del Río impóñense no colofón da Copa Galicia DHI en Vilaboa
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es