Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Héctor Quinteiro arranca a Copa de España de Descenso cun terceiro posto júnior en Otívar

28 DE FEBRERO DE 2024

O rider do Bici Verde asinou a novena praza scratch

Hector-Quinteiro-arranca-a-Copa-de-Espana-de-Descenso-cun-terceiro-posto-junior-en-Otivar

As Copas de España 2024 das especialidades do BTT puxéronse en marcha a pasada fin de semana e na apertura da temporada chegou o primeiro podio galego. Héctor Quinteiro finalizou terceiro entre os juniors no DH Otívar, o evento inaugural do certame estatal de Descenso. Ademais o ponteareán do Bici Verde conseguiu entrar no top-10 absoluto da proba celebrada o domingo na provincia de Granada. 

Despois de sufrir unha caída sen importancia na clasificatoria, o que disparou o seu rexistro a 3 minutos e 24 segundos, Héctor Quinteiro non fallou na final e unha baixada con moitas pedras e de moita velocidade realizouna en 2:56.45. Esa marca outorgoulle a terceira posición da súa categoría, a 6" dos dous riders andaluces que encabezaron a táboa xuvenil: Noa Hirst (Planet MTB) e o gañador Francisco Mato (TheAJ46). Outro representante do Bici Verde, Gael Ferro, tamén se meteu entre os dez mellores juniors ao ocupar a décima praza cun tempo de 3:13.25.

imagen

Quinteiro empatou no noveno posto da clasificación scratch co elite aragonés Jon Pardo (Valle de Benasque) e liderou a actuación galega no percorrido de 1.600 metros. O Descenso da nosa comunidade quedou a un paso de sumar outro podio. Luis Miguel Carballo (A.D. Picaraña) fixo cuarto nos máster-30, detendo o cronómetro na final en 3:22.03, a 36 centésimas do terceiro no seu grupo de idade, o valenciano Víctor Rufete (La Cantera Express). O cuarto e último top-10 do noso DHI en Otívar correspondeu a Miguel Ángel Quinteiro (Bici Verde), noveno nos máster-50.

A Copa de España de Descenso regresará o 10 de marzo en Sant Andreu de la Barca (Barcelona), próxima cita dun calendario que consta de seis xornadas e concluirá na provincia de Ourense o 18 de agosto no VI Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park.

Máis información

 

GALERÍA DE FOTOS

Héctor Quinteiro arranca a Copa de España de Descenso cun terceiro posto júnior en Otívar
Héctor Quinteiro arranca a Copa de España de Descenso cun terceiro posto júnior en Otívar
Héctor Quinteiro arranca a Copa de España de Descenso cun terceiro posto júnior en Otívar
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es