Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Raquel Román e Diego Álvarez gañaron a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024

12 DE MARZO DE 2024

321 ciclistas inscribíronse na oitava edición da proba de XCM celebrada en Ames

Raquel-Roman-e-Diego-alvarez-ganaron-a-segunda-proba-do-circuito-Transgalaica-2024

Fotos: Concello de Ames

O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 10 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024. Foi a oitava ocasión na que o concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do Cross Country Maratón (XCM) no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición inscribíronse 321 ciclistas, que tiñan que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64,55 quilómetros, e que contou cun desnivel de 1.501 metros.

O concello de Ames acolleu este domingo, 10 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024. Este ano dito circuíto está composto de cinco probas. A primeira proba da Transgalaica 2024 tivo lugar o pasado 25 de febreiro no concello de Cerdedo - Cotobade. A segunda proba do circuíto foi a que se desenvolveu en Ames. As tres probas restantes disputaranse ao longo de marzo e abril en Silleda, Friol e en Manzaneda.

Os/as participantes tiveron que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64,55 quilómetros e cun desnivel de 1.501 metros. A proba comezou ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí os/as ciclistas tiveron que volver cara Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada.

 

Este ano a primeira volta e a segunda foron similares ás da edición de 2023. Durante a segunda volta, houbo unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha baixada aberta. Nesta proba puideron participar todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2024, ou ben aquelas persoas que tramitaron unha licenza de 1 día. 

Gañadores nas categorías masculina e feminina
Na categoría masculina os tres primeiros ciclistas en chegar á liña de meta foron: Diego Álvarez Alonso, do Club ciclismo V Bikes Team, cun tempo de 3:01:19 (da categoría Master 30); Daniel García Castaño, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 3:03:12 (da categoría Master 30); e Manuel Casuso Castro, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 3:03:20 (da categoría Master 30).

Na categoría Elite masculina os tres primeiros clasificados foron Cristobal Dios Río, do Club ciclista Estradense, cun tempo de 3:04:22; Diego Marnotes Nogueira, do Club deportivo Extol MTB Team, cun tempo de 3:04:34; e Ignacio Casal Vázquez, tamén do Club deportivo Extol MTB Team, cun tempo de 3:04:44.

Do club organizador, Os Esfola Arros, o primeiro ciclista en completar o percorrido foi Uxío Canosa que quedou terceiro na categoría Máster 40 cun tempo 3:18:27.

Por outra banda, na categoría feminina a primeira ciclista en cruzar a liña de meta foi Raquel Román Sarmiento, do Club ciclista Bici Verde, cun tempo de 4:01:56 (da categoría Elite). A segunda en chegar á meta foi Rebeca Muñoz Narciso, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 4:13:47 (da categoría Master); mentres que a terceira en completar o percorrido foi Eva Ortega Aguilar, co Club deportivo Extol MTB Team, cun tempo de 4:17:09 (da categoría Elite). A cuarta ciclista en chegar á liña de meta foi Andrea Escudeiro Baulo, do Club ciclista Ribadumia, cun tempo de 4:38:07 (da categoría Elite).

O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, acompañados doutros concelleiros e concelleiras do goberno municipal seguiron a proba dende varios puntos do circuíto. Posteriormente, participaron no acto de entrega de premios con varios concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego.

Valoración da proba
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “o éxito que ten sempre esta proba da Transgalaica organizada no concello de Ames. Sempre soe haber unha gran participación, o que demostra que a proba ten unha gran aceptación. Nós estamos sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que organizan”. Tamén agradeceu “a todas as persoas que dunha maneira ou doutra colaboraron para que esta proba fose unha vez máis todo un éxito. Teño que agradecer o traballo da Policía Local, de Protección Civil, do club Os Esfola Arros, a empresa Team Relay, a Federación Galega de Ciclismo, ao persoal municipal da Concellaría de Deportes, e ás compañeiras e compañeiros da Corporación municipal, que participaron na entrega de premios”.

O director da proba e secretario do Club ciclista Os Esfola Arrós, Jorge Pérez, explicou que “a proba discorreu sen incidencias graves. Houbo que trasladar a un ciclista ao hospital por unha caída, pero xa se está recuperando. Este ano, a pesar da dureza, houbo moi poucos abandonos. Si que houbo varios ciclistas que non pasaron o primeiro corte. Os/as participantes que non pasaron polo punto de corte antes de 2 horas e 18 minutos tiveron que retirarse clasificando co tempo marcado nese punto”. Ademais, engadiu que “debido ás intensas choivas das últimas semanas, preocupámonos de manter en boas condicións o circuíto. En xeral os ciclistas valoraron de forma moi positiva os traballos previos feitos para que o circuíto estivese practicable”.

Operativo de 100 persoas
Esta proba contou coa colaboración da Agrupación de Protección Civil de Ames, da Policía Local e do persoal auxiliar do Club Os Esfola Arrós. Houbo preto de 100 persoas distribuídas o longo dos 32 quilómetros que tiña o circuíto para atender posibles incidentes.

Clasificación

Fonte: Concello de Ames

GALERÍA DE FOTOS

Raquel Román e Diego Álvarez gañaron a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024
Raquel Román e Diego Álvarez gañaron a segunda proba do circuíto Transgalaica 2024
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es