Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Marco Veiga bate a Yelco Romero, e Sara Yusto, ás irmás Menéndez no DHI Estación Manzaneda 2024

02 DE JULIO DE 2024

Catorce riders recibiron as camisolas de líderes finais da Copa Galicia de Descenso

Marco-Veiga-bate-a-Yelco-Romero-e-Sara-Yusto-as-irmas-Menendez-no-DHI-Estacion-Manzaneda-2024

Fotos: Óscar Lorenzo Vila

Fin de semana de puro DH e de moito nivel de participación en Manzaneda. A pouco máis de mes e medio de acoller a última xornada da Copa de España, a estación de montaña ourensá pechou o calendario da Copa Galicia de Descenso. Os duelos que se viviron polas vitorias absolutas foron dignos do máximo nivel estatal.

O dobre evento organizado polo club Bici Verde comezou o sábado co Mini DH e cos adestramentos libres do DHI Estación Manzaneda 2024, quedando para o domingo a competición para os maiores. En total, máis de 230 riders desfrutaron do ambiente e das baixadas. Cada unha das probas celebrouse nun circuíto diferente. 

O trazado denominado como Rochas serviu de escenario para a segunda e derradeira proba puntuable do certame autonómico. O primeiro  treito deste percorrido permite alcanzar altas velocidades, con saltos e peraltes, dando paso a unha zona técnica de pedras e raíces. A continuación, un sector con árbores ofrece curveos e pedras antes de rematar cunha parte final de pedaleo.  

Categorías masculinas

O pulso polo triunfo absoluto entre os homes resultou vibrante. Yelco Romero (Baskonia Trek), o actual líder da Copa de España, marcou o mellor tempo na clasificatoria, pero Marco Veiga (CiclosQuintena) deixouno sen scratch na final. O elite naronés rebaixou na baixada definitiva en 11 segundos o seu primeiro rexistro do día para bater cunha marca de 2'34"277 ao sub-23 vasco por 298 milésimas. 

A terceira posición tamén correspondeu a un piloto chegado dende Euskadi, ao elite Guillermo Cañas (Baskonia Trek), a 5,5" do gañador. O top-5 completárono dous galegos que subiron ao chanzo máis alto do caixón nas súa categorías. O máster-30 Manuel Pellón (BDM Bike Club) fixo cuarto, a 5,8" de Veiga, e o júnior Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade) meteuse quinto a pouco máis de 6" do corredor máis rápido.

imagen

O resto de vitorias masculinas acadáronas Mario Barreiro (VK Bikes) nos cadetes, Jose Montenegro (Moto Bike) nos máster-40, Marcos Balbuena (Bici O Con) nos máster-50, José Luis Yusto (Benavente) nos máster-60 e Daniel Barcia (THC Bike) nos infantís. Á marxe da Copa Galicia de Descenso, Lucas Santamaría (Velobur) dominou no Enduro.

Categorías femininas

A líder da Copa de España, a elite Zoe Zamora (Baskonia Trek), caeu na clasificatoria e non puido tomar a saída na final. Ese contratempo deixou ás irmás Menéndez, á sub-23 Cristina e á júnior Natalia, e a Sara Yusto como principais favoritas na batalla polo primeiro posto entre as mulleres. A elite zamorana do Lácteas Cobreros marcou a pauta nas dúas baixadas. Cun 'crono' na segunda quenda de 3'04", mellorando en 4" o da primeira, a de Benavente impúxose con case 4" de marxe sobre a maior das irmás asturianas do Cuetos Bike e con 7" en relación á pequena. 

A sub-23 madrileña Kira Zamora (Baskonia Trek), a 12,5" de Yusto, terminou cuarta, e quinta, sendo a mellor galega, a elite Estefanía Cabarcos (Rocasport Giant), a 13" da vencedora absoluta. A cadete Nayra Giráldez (VK Bikes) e a infantil Paula Rodríguez (Maese) anotáronse as vitorias nas categorías de menor idade. 

imagen 

Copa Galicia

Os resultados en Manzaneda engadíronse aos do Descenso Molinos para elaborar as clasificacións xerais finais da Copa Galicia do 2024. Trece riders recibiron as camisolas do certame autonómico: Paula Rodríguez e Dani Fernández (THC Bike) en Infantil, Nayra Giráldez e Mario Barreiro en Cadete, Alexia Santervas (A Forna) e Raúl Romero (A Forna) en Júnior, Cristina Menéndez e Xoel Pereira (Bici Verde) en Sub-23, Juana María Vidal (Moto Bike) e Sergio Peleteiro (Moto Bike) en Elite, Manuel Pellón en Máster-30, Jose Montenegro en Máster-40, Ricardo Escudero (Poio Bike) en Máster-50 e José Luis Yusto en Máster-60. Por equipos proclamouse campión o DH Galicia. 

A entrega de premios contou coa presenza de Víctor Picos, director da Estación de Montaña de Manzaneda; Fermín Santoveña, concelleiro de Deportes da Pobra de Trives; Clemente Pérez, concelleiro de Cultura de Manzaneda; Esteban Lorenzo, presidente do Bici Verde; e David Carrillo, secretario da Federación Ciclismo Galego. 

Toda a información sobre a Copa Galicia podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaDHI24 e no seu apartado dentro desta páxina web

imagen

Mini DH

O circuíto Avalancha foi o elixido para o Mini DH Estación Manzaneda do sábado. As promesas máis novas xestionaron un trazado que a súa primeira metade, onde empezan alevíns e principiantes, transcorre por unha zona de bosque con pequenas trialeiras de raíces e pedras. A segunda parte, que enlaza co punto de saída de promesas e benxamíns, percorre un treito da pista de esquí, unha baixada despexada con curveos amplos, peraltes e uns últimos metros máis complicados. 

O benxamín Pedro Rodríguez (Ribadumia), a promesa Ugha Fernández (Vilopower), o promesa Evan Álvarez (Farto), a principiante Antía Romar (Gacela), o principiante Martín Blanco (Academia Postal - Maceda), a alevín Vera Rodríguez (Avanza - O Porriño) e o alevín Matías Álvarez (Pedal Store) estableceron os mellores tempos nas súas categorías.

Clasificacións DHI

Clasificacións Mini DH

GALERÍA DE FOTOS

Marco Veiga bate a Yelco Romero, e Sara Yusto, ás irmás Menéndez no DHI Estación Manzaneda 2024
Marco Veiga bate a Yelco Romero, e Sara Yusto, ás irmás Menéndez no DHI Estación Manzaneda 2024
Marco Veiga bate a Yelco Romero, e Sara Yusto, ás irmás Menéndez no DHI Estación Manzaneda 2024
Marco Veiga bate a Yelco Romero, e Sara Yusto, ás irmás Menéndez no DHI Estación Manzaneda 2024
Marco Veiga bate a Yelco Romero, e Sara Yusto, ás irmás Menéndez no DHI Estación Manzaneda 2024
Marco Veiga bate a Yelco Romero, e Sara Yusto, ás irmás Menéndez no DHI Estación Manzaneda 2024
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es