20 DE AGOSTO DE 2024
A Copa de España de Descenso finalizou este domingo coa disputa do VI Trofeo Federación DHI – Manzaneda Bike Park, decisiva e definitiva cita do certame estatal que dominaron os madrileños Dani Castellanos (Planet MTB) e Zoe Zamora (Baskonia Trek), e que coroou como vencedores das xerais Elite e Sub-23 á propia Zamora e ao vasco Yelco Romero (Baskonia Trek), segundo nesta última proba. O evento, organizado pola Federación Ciclismo Galego xunto coa Estación de Montaña Manzaneda, e que se desenvolveu na Serra de Queixa, no Bike Park ourensán, gozou dun enorme ambiente e unha gran participación.
Entre as mulleres elite e sub-23 Zoe Zamora detivo o reloxo na final en 3 minutos 7 segundos e 360 milésimas, batendo por 2" a súa irmá e compañeira de equipo Kira, e por 4" á mellor júnior, á asturiana Natalia Menéndez (Cuetos Bike). O podio da categoría raíña feminina completouno a andaluza Inés Chinchilla (The AJ46) cun tempo de 3:36.957, clasificándose cuarta Desiree Fernández (RSBike) e quinta a tamén galega Alejandra Chapela (VK Bike). Dúas riders da nosa comunidade fixeron terceiras nos seus grupos de idade, a xuvenil Alexia Santervas (A Forna) e a cadete Nayra Giráldez (VK Bikes) -segunda na xeral da Copa-.
No que respecta á proba masculina elite e sub-23, o vixente campión de España, Dani Castellanos, marcou un sensacional rexistro de 2:29.457 para facerse coa vitoria por diante do novo campión do certame estatal, Yelco Romero, segundo en Manzaneda a pouco máis de tres segundos do madrileño. O terceiro chanzo do caixón ocupouno o vasco Guillermo Cañas (Baskonia Trek) e no top-10 da categoría raíña entraron tres galegos: Nicolás Carrera (Coruxo) fixo quinto, Sergio Peleteiro (Moto Bike) oitavo e André Martínez (Avanza - O Porriño) noveno.
O terceiro 'crono' na táboa scratch correspondeu a unha promesa do noso Descenso. Héctor Quinteiro (Bici Verde) impúxose nos juniors cunha marca de 2:36,797 e na entrega de premios estivo escoltado por dous compañeiros da Selección de Galicia no Campionato de España do pasado mes de xullo. Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade) -terceiro na xeral da Copa- obtivo a segunda posición no Bike Park ourensán e Raúl Romero (A Forna), a terceira.
A outra vitoria galega da xornada asinouna o máster-50 Marcos Araújo (MR Bikes) e neste grupo de idade Adolfo Gallego (Singletrack) clasificouse terceiro. Dous pilotos máis da nosa comunidade subiron ao podio. Mario Barreiro (VK Bikes) acadou a segunda praza nos cadetes e Jose Montenegro (Moto Bike), a terceira nos máster-40, mesma posición que na xeral da Copa.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BMX
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es