Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Éxito de participación e do Xesteiras na 3h Resistencia Vilagarcía

10 DE FEBRERO DE 2025

A terceira cita da Copa Galicia alcanzou o límite de 300 inscritos. O conxunto de Cuntis dominou entre os homes con Daniel García e Samuel Baña. Triunfo feminino de Tamara Seijas e por parellas de Lorena Patiño-Jose Patiño e de Darío Otero-Ángel Vilanova

exito-de-participacion-e-do-Xesteiras-na-3h-Resistencia-Vilagarcia

Fotos: Luz Iglesias

A segunda edición da 3h Resistencia Vilagarcía volveu esgotar o cupo de inscritos. O evento organizado polo Arousa Bike BTT alcanzou o límite de 300 participantes e nunha xornada pasada por auga o Xesteiras exhibiuse este domingo no enlamado circuíto de Castroagudín. Dous representantes do conxunto de Cuntis, o elite Daniel García Castaño e o máster-30 Samuel Baña, formaron unha sociedade imparable na terceira e penúltima xornada da Copa Galicia. 

Ausente o gañador absoluto masculino das dúas anteriores citas do certame autonómico, o elite Ángel Maneiro (Supermercados Froiz), tres bikers de diferentes categorías rodaron xuntos ata o quinto parcial, cando o sub-23 Adrián Caamaño (Extol-Zambora.es) non puido seguir o ritmo de Castaño e Baña. O tándem do Xesteiras acabaría sumando dez voltas en 2 horas 51 minutos e 52 segundos, co elite cruzando a liña de meta por diante do máster-30 e dedicándolle a vitoria. Caamaño mantívose terceiro, rematando a 3 minutos e 23 segundos dos que foran os seus acompañantes. 

imagen

A emoción mantívose ata o final na loita pola cuarta praza absoluta e terceira elite. Daniel Herráez rubricou a tripla do Xesteiras na categoría raíña batendo por 6 segundos a Roberto Freire (Toxo), novo líder elite. A estrutura que se levou o premio de mellor equipo da xornada tamén se impuxo nos máster-40 por medio de Alberto Neira. As outras vitorias masculinas acadáronas Brais Vázquez (Cambre-Sibuscacoche) en Júnior, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) en Máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60. 

A Copa Galicia 3h Resistencia ten esta temporada unha clara dominadora no apartado feminino. A elite Tamara Seijas (RG Bikes) mantense invicta e o seu triunfo en Vilagarcía obtívoo con sete voltas, cifra que asinaron as catro primeiras clasificadas. A lalinense avantaxou en 8:33 á tamén elite Iria Nieto (Team Oiense), a terceira praza correspondeu á júnior Nerea Suárez (Carballo) e a cuarta, á máster-40 Rebeca Muñoz (Xesteiras), vencedora absoluta neste mesmo escenario o ano pasado.  A sub-23 Yaiza Vila (Creto Bikes) e máster-30 Amira Simón (Tríatlon Atlántico) completaron a nómina de gañadoras. 

imagen

Na fin de semana seguinte a rematar undécima no Mundial de Ciclocrós, a júnior Lorena Patiño competiu xunto ao seu pai Jose e non deron opción ao resto de parellas mixtas. O dúo do Cardedeu e o Pinarium acumulou nove voltas, unha máis que os líderes da xeral Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde) e que Lara Lois e Iván Calvo (RG Bikes), segundos e terceiros respectivamente. Pola súa banda, a terceira vitoria noutras tantas xornadas colleitárona Darío Otero e Ángel Vilanova (Cambre-Compostelano) nas parellas masculinas. Deron nove voltas con 10:21 de marxe respecto a Gabriel Domínguez e Aarón Oubiña (Ribadumia) e a terceira praza ocupárona Jesús Martínez e Diego Gaspar (Toxo), a 11:14 dos líderes da carreira e da xeral. 

En canto ás parellas cadetes, subiron ao máis alto do podio Iris Santana e Marcos Mouriño (Coruxo), Andrea Paz e Aroa Ferreño (Esmelle), e Lucas Lozano e Pedro Cidrás (XSM).

imagen 

A falta de que as xerais se decidan este vindeiro domingo en Narón, as camisolas do certame coordinado poloa Federación Ciclismo Galego pertencen a Noa Rodríguez (Creto Bikes) e Brais Vázquez en Júnior, Yaiza Vila e Adrián Caamaño en Sub-23, Tamara Seijas e Roberto Freire en Elite, Amira Simón e Samuel Baña en Máster-30, Tamara Santos (VK Bikes) e Alberto Neira en Máster-40, Mónica Campagna e Manuel Rodríguez (Aguzo) en Máster-50, Manuel Bugallo en Máster-60, Raquel Román e Raúl Cancelas nas parellas mixtas, Ángel Vilanova e Darío Otero nas masculinoas, e nos dúos cadetes Aroa Ferreño e Andrea Paz, Lía Rodríguez e Lucas Seijo, e Marco Núñez e Alberto Rial (Ribadumia).

Toda a información sobre a Copa Galicia 3h Resistencia podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST25

Clasificacións

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Éxito de participación e do Xesteiras na 3h Resistencia Vilagarcía
Éxito de participación e do Xesteiras na 3h Resistencia Vilagarcía
Éxito de participación e do Xesteiras na 3h Resistencia Vilagarcía
Éxito de participación e do Xesteiras na 3h Resistencia Vilagarcía
Éxito de participación e do Xesteiras na 3h Resistencia Vilagarcía
Éxito de participación e do Xesteiras na 3h Resistencia Vilagarcía
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es