As inmediacións do campo de fútbol Agra da Filgueira de Louro serán o escenario este próximo domingo, 23 de febreiro, do Campionato de Galicia 3h Resistencia, organizado polo Club Ciclista de Muros coa colaboración do Concello de Muros.
"Un evento importante que este ano pediu o Club Ciclista de Muros, co que estamos encantados de colaborar na organización", afirmou na presentación da proba o concelleiro de Deportes, Damián Torea, que convida á veciñanza "a asistir ao Campionato para desfrutar da espectacularidade do BTT".
Para a alcaldesa de Muros, María Lago, "esta proba en Louro serve para impulsar no noso concello o deporte ao aire libre, fomentando ademais o deporte feminino".
Na presentación estiveron tamén José Romero, presidente do Club Ciclista de Muros; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; a concelleira de Cultura, Caridad González; a de Obras, Laura Rivadeneira; a de Seguridade Cidadá, Sandra Maneiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Mario Martínez. O Concello quere agradecer o traballo da Brigada de Obras municipal, Protección Civil de Muros, Policía Local, GES e Garda Civil de Muros.
A proba arrancará ás 10:00 horas, competindo dende
bikers da categoría Cadete ata a Máster-60. En xogo haberá tanto títulos individuais como por parellas. O prazo para inscribirse remata este mércores ás 23:59 h.
Fai click nesta ligazón para anotarte
Para atopar a información deste evento nas redes sociais emprega o cancelo #CampionatoRST25.
Fonte: Concello de Muros