Carlos Canal descobre o World Tour na Itzulia

05 DE ABRIL DE 2021

O limiao do Burgos BH disputa desde este luns a 60ª edición da rolda vasca

Carlos-Canal-descobre-o-World-Tour-na-Itzulia-

Bautizo de luxo para Carlos Canal no World Tour. Desde este luns o corredor galego do Burgos BH comparte pelotón na Itzulia cos gañadores do Tour de Francia, do Giro de Italia e da Vuelta España do 2020. Aos seus 19 anos, o limiao descubrirá nas estradas de Euskadi a esixencia da máxima categoría do ciclismo mundial. 

Despois de non poder celebrarse o pasado ano por mor da pandemia, a rolda vasca presenta como é habitual un explosivo percorrido de seis etapas. A primeira camisola de líder ponse en xogo cunha contra o reloxo de 14 quilómetros en Bilbao e o vencedor final coñecerese o sábado tras a subida ao Santuario de Arrate. Na ampla nómina de figuras que tomarán a saída na capital biscaíña destaca a presenza dos tres dominadores das grandes voltas por etapas do ano pasado - os eslovenos Tadej Pogacar (UAE) e Primoz Roglic (Jumbo), e o inglés Tao Geoghegan Hart (Ineos)- así como dos españois Alejandro Valverde (Movistar) e Mikel Landa (Bahrain). 

Canal chega á Itzulia con dous días de competición nas súas pernas. En xaneiro disputou a Clàssica Comunitat Valenciana e o pasado sábado rematou o Gran Premio Miguel Indurain na 81ª posición. O seu obxectivo, ao igual que o do seu equipo, na 60ª edición da Volta ao País Vasco será filtrarse nas escapadas. 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es