Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Norinver domina na primeira xornada da Volta a Lugo Máster

10 DE ABRIL DE 2021

Eladio Jiménez impúxose este sábado nos dous sectores e o equipo de Cabanas copa as tres primeiras prazas da xeral

O-Norinver-domina-na-primeira-xornada-da-Volta-a-Lugo-Master

Foto: Norinver Cycling Team

O calendario autonómico de competición do 2021 arrancou este sábado coa disputa da primeira xornada da Volta a Lugo Máster. A rolda organizada polo Chantadino Máster Team celebrou un dobre sector no concello do Saviñao e tanto na proba en liña da mañá como na contra o reloxo individual da tarde impúxose o máster-40 Eladio Jiménez. O exprofesional salmantino defenderá este domingo a súa condición de líder dunha clasificación xeral encabezada por tres corredores do Norinver Cycling Team. 

Cumprindo o estrito protocolo contra a covid-19 que se aplica neste evento, incluíndo a obrigación de superar un test de antíxenos, máis de 130 participantes tomaron a saída esta mañá en Escairón. A capital do Saviñao tamén era o punto de chegada dos 75 quilómetros do primeiro sector no que Jiménez venceu con 4 segundos de vantaxe respecto ao tamén máster-40 Pablo Rodríguez (Kaphé Cycling) e con 6" sobre Ángel Fernández (Huerces). Cuarto clasificado, e mellor galego, rematou Damián Ramos (Norinver), a 8" do seu compañeiro de equipo.

Pola tarde, a crono Escairón-Escairón de 8,5 km non puido ter un deselance máis axustado. Jiménez detivo o reloxo en 10:15, 1 segundo menos que o marcado polo máster-30 Daniel Regueiro, representante do conxunto anfitrión Chantadino Master Team. A terceira posición ocupouna o máster-30 Samuel García (Norinver), investindo 3" máis que o líder. 

Tras este dobre sector, o conxunto de Cabanas copa o podio da xeral. Jiménez ten 14" de marxe con García e avantaxa en 19" a Ramos. Este domingo a carreira trasladarase a Chantada, onde comezarán (10:45 horas) e rematarán os 70 km da última xornada. 

 

Clasificacións 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es