Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Suspensión da primeira etapa do Gran Camiño

23 DE FEBRERO DE 2023

O alto de Santa Trega, final inédito este venres na segunda xornada

Suspension-da-primeira-etapa-do-Gran-Camino-

A previsión ameazaba un día duro, pero a realidade superou as expectativas. O pelotón rodou con moito frío desde o inicio e o sol fixo algunhas aparicións fugaces, compaxinadas con choiva. Con todo, cando se encaraba a recta final da etapa, a neve fixo acto de presenza, dificultando a circulación dos ciclistas e o equipo de carreira. Finalmente, entre unha copiosa e súbita nevada, non foi posible continuar e suspendeuse a etapa a escasos 20 quilómetros para a meta.

Tras unha deliberación, o xurado técnico da proba ditaminou que mañá sairán todos os corredores co mesmo tempo, descontando as bonificacións obtidas hoxe. Así, non haberá camisola amarelo nin branco. Con todo, os puntos obtidos hoxe para a clasificación da regularidade e da montaña si se sumarán ás respectivas clasificacións.

Desde a organización de O Gran Camiño queremos trasladar o noso recoñecemento aos ciclistas, en primeiro lugar, así como aos motoristas, equipo técnico, axentes de tráfico, persoal de montaxe, xornalistas, fotógrafos e cámaras, polo esforzo titánico que realizaron nunha etapa tan complicada como a de hoxe.

Tamén agradecemos a súa comprensión, apoio e aguante aos afeccionados que nos acompañaron, especialmente a aqueles que, lamentablemente, non puideron gozar do final de etapa.

Segunda etapa

Este venres, na súa segunda etapa, O Gran Camiño levará ao seu pelotón internacional pola provincia de Pontevedra, cun percorrido espectacular que culminará nun final tan icónico como inédito: o alto de Santa Trega.

Os 125 corredores de O Gran Camiño, que seguen sen líder despois de que as condicións meteorolóxicas obrigasen a suspender a primeira etapa só a 20 quilómetros de meta, sairán desde o centro do segundo centro histórico máis grande de Galicia, o da localidade de Tui, poñendo en valor a importancia histórica e cultural deste enclave.

En total serán 189 quilómetros, con inicio e final nas dúas entradas do Camiño de Santiago a Galicia polo sur –o Portugués e o Portugués pola costa-- que transitarán desde o interior pontevedrés ata a costa, co último tramo directamente cara a cara co océano.

Case en liña de meta, os participantes do Gran Camiño escalarán un final inédito no ciclismo profesional, o monte de Santa Trega, un espazo simbólico e de singular beleza que se asoma ao Atlántico e á desembocadura do río Miño, pasando polos vestixios dos primeiros poboadores de Galicia.

Esta etapa levará o espectáculo a dous portos de terceira categoría –San Esteban de Negros e Alto da Cruz de Portela-- e un de segunda, Santa Trega. Para poder gozar deste final, e grazas ao Concello da Guarda, haberá, desde as 12,00 horas, un servizo de autobuses lanzadeira que transportarán aos espectadores que o desexen desde o aparcadoiro da base ata o cume.

Entre Tui e A Guarda, os ciclistas do Gran Camiño pasarán polos concellos de Salceda de Caselas, O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Marín, Pontevedra, Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Oia e O Rosal, berce de grandes figuras ciclistas.

Clasificacións

Fonte: O Gran Camiño 

 

GALERÍA DE FOTOS

Suspensión da primeira etapa do Gran Camiño
Suspensión da primeira etapa do Gran Camiño
Suspensión da primeira etapa do Gran Camiño
Suspensión da primeira etapa do Gran Camiño
Suspensión da primeira etapa do Gran Camiño
Suspensión da primeira etapa do Gran Camiño
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es