Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Un Vingegaard rotundo brilla en Santa Trega

24 DE FEBRERO DE 2023

O Gran Camiño chega este sábado á montaña máis afectada polo lume en Valdeorras

Un-Vingegaard-rotundo-brilla-en-Santa-Trega-

Fotos: Kike Abelleira / Sprint Cycling Agency

Jonas Vingegaard (Jumbo-Visma), vixente campión do Tour de Francia, impúxose este venres de maneira rotunda na segunda etapa do Gran Camiño, marcando o ritmo nos últimos dous quilómetros de meta e brillando en solitario no alto de Santa Trega.

A segunda etapa da rolda galega, pola provincia de Pontevedra, arrincou cunha escapada formada nos primeiros 10 minutos. O pelotón principal, controlado en todo momento polo equipo Jumbo Visma, permitiu unha fuga de sete corredores: Unai Cuadrado (Euskaltel Euskadi), Josu Exteberría (Caja Rural - Seguros RGA), Antonio Angulo (Burgos - BH), Alexander Konychev (Cerratec Team), Sebastian Schönberger (Powered Human Health), Mattia Bais (Eolo - Kometa) e Alejandro Ropero (Electro Hiper Europa).

Rodando cunha vantaxe entre os dous e os tres minutos, o grupo pasou no quilómetro 53 por Moaña, localidade natal do ciclista Delio Fernández. No primeiro Sprint Verde da xornada pasou primeiro Alejandro Ropero (EHE), seguido de Sebastián Schönberger (HPM) e Antonio Angulo (BBH).

A continuacion, os corredores avanzaron polas localidades de Cangas, Pontevedra, Arcade e Redondela, onde houbo moito ambiente ao paso da caravana ciclista, antes de arrincar o primeiro alto de montaña, Santo Estevo de Negros (4.11 kms – 6.25%), coroado en primeiro lugar por Sebastian Schönberger (HPM), seguido por Mattia Bais (EOK) e Josu Etxeberria (CJR).

Antes do último encadeado, co Alto da Cruz da Portela e o Alto Santa Trega, os corredores pasaron polas localidades de Gondomar e Baiona. Nelas, tivemos o mesmo resultado en senllos Sprints Verdes, con Alejandro Ropero en primeiro lugar, Sebastian Schönberger (HPM) en segundo e Josu Etxeberria (CJR) en terceiro lugar.

Entre a localidade de Baiona e o Alto da Cruz da Portela, o pelotón principal neutralizou a fuga. Despois de diversos ataques no porto, foi Delio Fernández (ATF), o ciclista local da xornada, o que coroou o Alto da Cruz da Portela (2.86 kms - 6.62%) en primeira posición, seguido de Francesco Gavazzi (EOK) e Samuele Rivi (EOK).

Circulando en paralelo ao Océano Atlántico, o pelotón chegou agrupado ás inmediacións do Monte Trega, liderado sempre polo equipo Jumbo Visma, diante de Movistar e Astana. O conxunto que entrou máis forte ao comezo da ascensión foi o neerlandés, e Jonas Vingegaard non esperou.

A pouco máis de dous quilómetros de meta, transitando entre as construcións dos primeiros poboadores de Galicia, o corredor danés lanzou un forte ataque que ninguén puido seguir.

Só ante o Vía Crucis, o vixente campión do Tour marcou marcou un ritmo que lle permitiu entrar só en meta, converténdose no primeiro vencedor de etapa da segunda edición do Gran Camiño e o primeiro líder da competición. O corredor de Movistar Rubén Guerreiro, chegou en segundo lugar (a 21”) a unha meta desde a que se contemplaba Portugal tras a desembocadura do Miño. Ión Izaguirre (Cofidis) foi terceiro a 24”.

Tras unha primeira xornada marcada polas inclemencias meteorolóxicas, o sol fixo acto de presenza en toda a segunda etapa, na que o público tamén acompañou, animando desde as cunetas ao pelotón multicolor do Gran Camiño no transcurso da súa espectacular rolda polas Rías Baixas.

Terceira etapa 

As montañas ourensás máis afectadas polos incendios forestais do pasado verán serán as absolutas protagonistas este sábado da etapa raíña do Gran Camiño, que, como ocorreu o ano pasado, recalará en Ourense, esta vez, ademais de para mostrar unha paisaxe pouco coñecida e espectacular, para concienciar contra a lacra dos lumes e aplaudir a valentía dos habitantes que defenderon as súas casas contra as lapas o pasado verán.

Tras a espectacular etapa deste venres, na que Jonas Vingegaard venceu con autoridade en Santa Trega, en Pontevedra, o pelotón do Gran Camiño chega este sábado a Valdeorras, onde se vivirá unha etapa marcada polas paisaxes indómitas.

Serán 170 quilómetros de pura montaña, con máis de 3.800 metros de desnivel acumulado, que pasarán polas aldeas que quedaron cercadas polas chamas dos incendios do pasado verán, para mostrar ao mundo a lacra dos lumes forestais, así como a solidariedade do Gran Camiño e dos galegos cunha das zonas máis fermosas e con potencial ciclista, á vez que descoñecidas, de Galicia.

Cun trazado especialmente duro, o espectáculo está garantido cun porto de terceira categoría, o Alto do Rodicio, un de segunda, o Alto da Hermida, e tres de primeira categoría encadeados: unha dobre subida ao Alto de Santa Mariña, no Barco, e o final no alto do Castelo, na Veiga de Cascallá (Rubiá).

Clasificacións 

Fonte: O Gran Camiño

GALERÍA DE FOTOS

Un Vingegaard rotundo brilla en Santa Trega
Un Vingegaard rotundo brilla en Santa Trega
Un Vingegaard rotundo brilla en Santa Trega
Un Vingegaard rotundo brilla en Santa Trega
Un Vingegaard rotundo brilla en Santa Trega
Un Vingegaard rotundo brilla en Santa Trega
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es