Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia Máster activa o calendario autonómico de estrada

16 DE MARZO DE 2023

O Memorial Fernando Abad, o 26 de marzo, primeira das tres probas con puntos en xogo

A-Copa-Galicia-Master-activa-o-calendario-automico-de-estrada

As carreiras están a piques de regresar ás estradas galegas. A Copa Galicia Máster será o primeiro certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) que esta temporada comezará a rodar sobre o asfalto. A cita inaugural disputarase no concello coruñés de Oroso antes de que remate este mes.

O VI Memorial Fernando Abad abrirá o domingo 26 de marzo o calendario da Copa Galicia Máster, que volve constar de tres xornadas ao igual que o ano pasado, o do seu regreso tras a paréntese por mor da pandemia. A primeira proba, con saída e chegada en Sigüeiro, organízaa o Club Ciclista Tambre Bike como homenaxe a quen foi o seu presidente. O prazo para inscribirse xa está aberto. Preme nesta ligazón para anotarte

O seguinte asalto chegará o sábado 6 maio no municipio pontevedrés de Mos. A primeira etapa da VII Challenge As Rías Baixas, o díptico do Club Ciclista Máster da Louriña, repartirá uns puntos que en boa medida marcarán o que aconteza a finais de mes no desenlace da Copa. 

O 27 de maio as clasificacións xerais resolveranse no IX Trofeo de Ciclismo Concello A Estrada. A carreira en territorio pontevedrés promovida polo Club Ciclista Cidade de Santiago exerceu no 2022 de Campionato de Galicia Máster e nesta ocasión coroará aos triunfadores finais da Copa nas categorías Máster-30, Máster-40, Máster-50 e Máster-60. 

Toda a información sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaMaster23 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es