Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Samuel García, Iago Alonso, Alfonso Fernández e Ernesto Ortiz, campións de Galicia Máster CRI 2023

17 DE ABRIL DE 2023

O portugués Fabio Abreu adxudicouse a xeral da Volta a Lugo Máster

Samuel-Garcia-Iago-Alonso-Alfonso-Fernandez-e-Ernesto-Ortiz-campions-de-Galicia-Master-CRI-2023

Fotos: Segundo Navaza

As primeiras camisolas de campións de Galicia en estrada 2023 impuxéronse durante a Volta a Lugo Máster. A oitava edición da rolda organizada polo Chantadino Máster Team incluíu unha contra o reloxo individual na que se puxeron en xogo os títulos autonómicos de CRI. O máster-30 Samuel García (Norinver) e o máster-60 Ernesto Ortiz (ADO Moure) revalidaron as súas coroas, mentres que o máster-40 Iago Alonso (Chantadino) e Alfonso Fernández (ADO Moure) asaltaron o trono dos seus grupos de idade. O máster-30 portugués Fabio Abreu (Proteu) dominou tanto a 'crono' como a xeral dos dous días de competición.

Rozando os 200 inscritos, a Volta a Lugo permitiu ao pelotón máster galego medirse a corredores chegados doutras comunidades autónomas do norte de España e a destacados representante do ciclismo luso. O evento resultou un éxito organizativo e a súa primeira xornada tivo como epicentro Escairón, a capital do concello do Saviñao. O primeiro sector do sábado, unha etapa en liña de 73 quilómetros, resolveuse co triunfo do máster-40 Abraham Tena (Vigo Máster), o máis forte da trintena de ciclistas que cruzaron a liña de meta no mesmo tempo. Diego Álvarez (MTC) rematou segundo e Jose Ignacio Méndez (Aerodynamics), terceiro. 

Pola tarde chegou a quenda da contra o reloxo, unha CRI que resultou do máis emocionante sobre un percorrido de 12,3 km. Fabio Abreu, vixente campión máster-30 portugués, venceu cun rexistro de 15'46" e por 1 segundo de diferenza respecto ao seu compatriota Alberto Amaral (Melgaço), campión máster-50 do país veciño. A terceira praza correspondeu a Samuel García, a 6" do gañador, o que lle serviu para reter o maillot máster-30 da Federación Ciclismo Galego (FGC). O corredor do Norinver estivo escoltado no podio do Campionato de Galicia do seu grupo de idade por Diego Oliveira (Xesteiras) e Pablo Marcos (Cambre), prata e bronce respectivamente. 

A apaixonante pugna pola cuarta praza na clasificación absoluta da contra o reloxo tamén dilucidiu o título autonómico máster-40. Iago Alonso acadouno para o club organizador tras bater por 7 décimas a Diego Álvarez e co terceiro posto fíxose Iván Vidal (Lasal Cocinas-Louriña), o defensor da coroa. 

Nos outros dous grupos de idade o ADO Moure asinou un 'dobrete'. A formación ourensá venceu nos máster-50 por medio de Alfonso Fernández, 13" máis rápido que Eduardo Tajes (Norinver) e 18" mellor que Severino Mata (Xtrembike). En canto aos máster-60, Ernesto Ortiz repetiu a primeira posición lograda nas Pontes no 2022, nesta ocasion superando en 1'14" ao seu compañeiro de equipo José Carlos Ortiz, quen a súa vez avantaxou en 5" a José Julián Martínez (Monteneme). 

A Volta a Lugo Máster finalizou o domingo en Chantada cunha tirada de 73 km que non provocou grandes cambios na clasificación xeral. Unha escapada de sete corredores presentouse nos metros finais con medio minuto de marxe sobre o pelotón do líder. O triunfo parcial conquistouno o máster-30 Javier Freire (Casa Suncia), erguendo os brazos por diante de Igor Alves (Proteu) e de Gustavo Santiago Fernández (Oiense). 

A fin de festa da rolda lucense tivo como grandes protagonistas aos tres primeiros da xeral: Fabio Abreu, vencedor absoluto e máster-30; Alberto Amaral, segundo e mellor máster-50/60; e Iago Alonso, terceiro, líder máster-40 e mellor galego. 

Clasificacións 

 

GALERÍA DE FOTOS

Samuel García, Iago Alonso, Alfonso Fernández e Ernesto Ortiz, campións de Galicia Máster CRI 2023
Samuel García, Iago Alonso, Alfonso Fernández e Ernesto Ortiz, campións de Galicia Máster CRI 2023
Samuel García, Iago Alonso, Alfonso Fernández e Ernesto Ortiz, campións de Galicia Máster CRI 2023
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es