01 DE SEPTIEMBRE DE 2025
A gran esperanza do ciclismo español de Estrada cumpriu cos prognósticos na VII Challenge Júnior Carballo. O asturiano Benjamín Noval (MMR) levouse dous triunfos parciais e a xeral en tres días de competición. O evento organizado polo Club Ciclista Carballo repartiu un ano máis os últimos puntos da temporada para a Copa Galicia do Porvir e co certame autonómico fíxose o arxentino Santiago Agüero (Voltia-Lvcus Avgusti).
O corredor sudamericano tiña unha conta pendente coa Copa coordinada pola Federación Ciclismo Galego. No 2024 chegou como líder a Carballo, onde cedeu o primeiro posto da xeral ante Tomás Pombo. Esta vez a historia aconteceu xusto ao revés. Santiago Agüero asaltou o máis alto da táboa o sábado, no único dos tres días puntuable para a Copa Galicia do Porvir. O arxentino rematou cuarto nos 104 quilómetros con saída e chegada na capital da comarca de Bergantiños, resultado que lle permitiu desbancar a Lois Gómez (Cortizo). Dous ciclistas do conxunto de Padrón escoltárono no podio final do certame: Sergio Carbajales e Diego Souto, segundo e terceiro respectivamente.
A Copa Galicia do Porvir ofreceu esta campaña tres carreiras na categoría júnior masculina. Toda a información sobre esta competición podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
Primeira e terceira xornada
O sábado venceu en solitario Benjamín Noval, dominando con claridade tal e como acontecera na contra o reloxo inaugural da véspera. O corredor que a vindeira campaña pertencerá ao Ineos Grenadiers profesional impúxose na 'crono' de 3 km entre Razo e Monteneme por 29" de vantaxe respecto ao cántabro Álvaro Cabo (Camargo-Beko). A terceira praza, a 41", ocupouna outro cántabro, Hugo Solar (Multihogar Cantabria). Entre as mulleres júnior marcou o mellor rexistro Inés Santalla (Río Miera), con Nerea Suárez (Carballo) segunda e Xiana Mardaraz (Cambre) terceira.
Non houbo tripla de Benjamín Noval na Challenge porque o domingo ergueu os brazos en Pedra do Sal o tamén asturiano Sergio Carbajales. O ciclista do Cortizo bateu ao esprint ao seu paisano Diego Rodríguez (MMR), compañeiro de equipo do líder. A 4" dos dous primeiros finalizou Santiago Agüero por diante de Benjamín Noval e o quinteto de cabeza completouno o mexicano Omar Andrade (Voltia-Lvcus Avgusti).
A xeral da Challenge comandouna Benjamín Noval, con Santiago Agüero como segundo clasificado e Álvaro Cabo na terceira posición. O vencedor no global dos tres días tamén se vestiu coa camisola de mellor corredor de primeiro ano. Anxo Suárez (Cortizo) recibiu o maillot de primeiro galego, o cántabro Sergio Cuevas (Bathco) o das Metas Volantes e Hugo Solar reinou na Montaña. O premio por equipos obtívoo o MMR.
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es