02 DE SEPTIEMBRE DE 2025
Foto: Laureano Freire
A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, viviu este martes a posta de longo da edición número 23 da Volta a Galicia para corredores Elite e Sub-23. A rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego disputarase do 11 ao 14 de setembro e renderá homenaxe ao exciclista profesional Samuel Blanco, gañador da proba no 2016. O espectacular percorrido de catro etapas contará con finais en Ribadumia, Caldas de Reis, Barreiros e Ferrol.
José Ramón Lete, Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia; Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo; Fran Barea, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao; Antonio Hidalgo, tenente coronel da Garda Civil de Tráfico; José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol, Diego Castro, alcalde de Ribadumia; Ana Belén Hermida, alcaldesa de Barreiros; Manuel Fariña, tenente alcalde de Ribadumia; Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; Jacobo Ucha, director da Volta a Galicia; e o homenaxeado Samuel Blanco, estiveron entre as autoridades que acudiron a esta presentación.
Conducido polo comunicador Terio Carrera, no acto desvelouse o percorrido ao detalle. A primeira das catro xornadas terá como escenario o concello pontevedrés de Ribadumia o xoves 11 de setembro. A Volta abrirase cunha contra o reloxo individual de 7,3 quilómetros nun terreo case por completo chairo. O segundo día, de novo na provincia de Pontevedra, Caldas de Reis exercerá de saída e meta dun percorrido de 138 km con catro portos puntuables para a clasificación da Montaña, dous deles dentro dos últimos 20 km. Nese treito final os ciclistas subirán primeiro Lobeira e despois O Pousadoiro, que se coroará a 7 km para a conclusión.
A terceira tirada levará á caravana da Volta ata o concello de Barreiros, na Mariña Lucense, para celebrar a etapa raíña. Nun itinerario de 147 km acumularanse máis de 2500 metros de desnivel, a maioría na parte final. Os altos de Augaxosa, Fórnea e Monte Comado, con paso previo pola liña de meta, deixarán case decidida a loita pola camisola amarela. A coroación do vencedor da xeral terá lugar o domingo en Ferrol, nun fermoso fin de festa con chegada ao carón do mar. O trazado de 130 km inclúe dous pasos intermedios pola cidade e nese circuíto final ascenderase o alto da Bailadora, que marcará o desenlace da carreira no Porto de Ferrol.
O presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, quixo poñer en valor “o esforzo das institucións para impulsar a proba, a implicación das forzas de seguridade e de tráfico, así como o gran espectáculo que sempre dan os corredores. Queremos que sexa unha edición especial e competida, que nos axude a seguir medrando como competición a nivel estatal”.
Sobre os equipos participantes, estarán na liña de saída 17 formacións, entre elas tres escuadras internacionais. Destaca a representación galega con oito conxuntos: Cortizo, Vigo-Rias Baixas, Supermercados Froiz, High Level-Gsport, Lasal Cocinas ODL, Maxge Ambilamp, Club Ciclista Vigués e Team Oiense. Estarán tamén estruturas de moito nivel no ámbito estatal como Caja Rural ALEA, Gomur, Extremadura Pebetero, Torres Sobato, Technosylva Maglia Rower Bembibre e Telco ON Clima Osés. Desde Portugal chega o Maia Earth Consulters e participarán tamén os italianos do Campana Imballagi e a Ciclistica Rostese.
En cada xornada entregaranse as camisolas de líder ao primeiro na clasificación xeral. Será o maillot amarelo patrocinado pola Xunta de Galicia. Tamén ao rei da Montaña, coa camisola branca a puntos vermellos; ao mellor galego, coas cores branca e azul da bandeira autonómica; o maillot verde das Metas Volantes; e o azul de primeiro Sub-23.
Os patrocinadores desta Volta a Galicia son a Xunta de Galicia, os Concellos de Ribadumia, Caldas de Reis, Barreiros e Ferrol, a Deputación de Lugo e a de Pontevedra, a campaña de promoción Galicia Sabe A Mar da Consellería do Mar, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, e as empresas Norinver, Agronuma, BTravel, os vehículos oficiais da proba de Toyota Compostela Móvil, así como Ottobosley, fabricante das camisolas de líderes da Volta.
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es