Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A júnior Uxía Álvarez cólgase a prata no estatal de DHI dominado por Ángel Suárez

21 DE SEPTIEMBRE DE 2020

A elite Rosi Martínez conseguiu a terceira medalla galega no campionato disputado en Otívar

A-junior-Uxia-alvarez-colgase-a-prata-no-estatal-de-DHI-dominado-por-angel-Suarez

Tres vigueses déronlle un ouro, unha prata e un bronce ao Descenso galego no Campionato de España de DHI 2020 que tivo lugar durante a fin de semana en Otívar (Granada). O elite Ángel Suárez (YT Mob) proclamouse por terceira vez na súa carreira gañador scratch da gran cita estatal desta disciplina do BTT. Os outros dous podios autonómicos asináronos mulleres: Uxía Álvarez (Selección de Galicia) rematou segunda nas juniors e Rosi Martínez logrou a terceira praza nas elites.

A reconquista de Suárez chegou dous anos despois do seu último éxito absoluto nun campionato de España. O rider do conxunto YT Mob marcou territorio dominando a quenda clasificatoria e na final rebaixou en 5 segundos o tempo da súa primeira baixada. O vigués percorreu en 2:37.58 o descenso de 1,5 quilómetros cun desnivel medio de -18,5%.

Gañador no 2016 e 2018, o elite olívico bateu na táboa scratch por 5” ao júnior Pau Menoyo (Bike Abadesses) e por 9” ao elite Iraitz Etxebarria (Betibehera). O terceiro chanzo do caixón na categoría raíña ocupouno Carlos Haro (Selección de Andalucía).

O sub23 Víctor Mariño (Selección de Galicia), que na clasificatoria protagonizou o décimo mellor rexistro absoluto, non conseguiu manterse na final dentro do ‘top-10’ do campionato. Terminou 15º cun crono de 2:52.75 e na súa categoría correspondeulle o sexto posto, a menos de 3” do bronce. Os seus compañeiros do combinado autonómico Marco Martínez e Alejandro Paz finalizaron oitavo e undécimo, respectivamente, entre os sub23.

Medallas femininas

No seu primeiro ano como corredora júnior Uxía Álvarez rubricou o mesmo resultado que nas súas dúas temporadas na categoría cadete. A rider da Selección de Galicia colgouse a medalla de prata grazas a súa marca de 3:47.44, rebaixando en 5” o seu tempo da clasificatoria. Aina González (Selección de Catalunya) venceu cunha renda de 10” e a tamén catalá Mireia Pi completou o podio.

O terceiro metal galego acadouno Rosi Martínez ao concluir por diante doutra rider autonómica na táboa elite. A viguesa, afincada en Andorra e excampioa de España, detivo o cronómetro en 4:18.19, impoñéndose por 17” á canguesa Gemma Chapela (Kamikazes). A prata foi para Elisabeth Guillén (Odena), cun tempo de 4:11.44, e por 40” de diferenza gañou a defensora do título Telma Torregrosa (Premià de Dalt).

No resto de categorías, o júnior Senén Barros (Selección de Galicia) abandonou na final por problemas mecánicos tras ser sexto na clasificatoria, mentres que nos cadetes André Martínez (Avanza) obtivo o sexto posto e Roi Jorge (CiclosQuintena), o sétimo.

GALERÍA DE FOTOS

A júnior Uxía Álvarez cólgase a prata no estatal de DHI dominado por Ángel Suárez
A júnior Uxía Álvarez cólgase a prata no estatal de DHI dominado por Ángel Suárez
A júnior Uxía Álvarez cólgase a prata no estatal de DHI dominado por Ángel Suárez
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es