11 DE DICIEMBRE DE 2021
A menos dun mes para a celebración do Campionato de España, a Selección de Galicia realizou este sábado na Comunitat Valenciana un ensaio de alto nivel no escenario que acollerá os estatais de ciclocrós 2022. O combinado autonómico participou con doce ciclistas no VI Ciclocross Ciutat de Xàtiva e acadou tres postos de podio nun evento de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI). Laura Mira fixo segunda nas juniors, Ricardo Buba asinou a mesma posición na carreira xuvenil e Miguel Rodríguez finalizou como terceiro mellor sub23. Entre as tres primeiras da súa categoría tamén se clasificou a cadete María Filgueiras, defendendo as cores do Río Miera, segunda nas cadetes.
No mesmo circuíto onde do 7 ao 9 de xaneiro se porán en xogo as camisolas 'rojigualdas', Miguel Rodríguez (Selección de Galicia) acadou outro sobranceiro resultado no seu primeiro ano como sub23. O líder absoluto da Copa Galicia concluíu a carreira raíña masculina en quinta posición, a 1 minuto e 50 segundos do gañador e vixente campión estatal elite Felipe Orts (Burgos BH). Por diante do ponteareán remataron dous sub23: o neerlandés Luke Verburg (2 Moso) e Gonzalo Inguanzo (Supermercados Froiz).
Trabazo, sétima elite
A Selección de Galicia só contou con ciclistas xuvenís na proba estrela do programa feminino, a competición elite-sub23 e júnior. A mellor galega nesta carreira foi a elite Irene Trabazo, novena na táboa absoluta e sétima na súa categoría, representando ao seu club XSM. A marinense concluíu a 2:04 de Lucía González (Nesta), que venceu lucindo o maillot de campioa de España.
A 52" de Trabazo entrou Laura Mira (Selección de Galicia) tras manter unha loita pechada pola vitoria júnior con Marta Cano. A ciclista do Bike Garraf decantou a balanza ao seu favor por 10" de diferenza. A piques de ocupar postos de podio quedouse outra corredora do combinado autonómico, Uxía Soto, cuarta xuvenil a 19" da terceira clasificada Nicole Castillo (La Torreta). A actuación do conxunto galego completárona Sofía Álvarez, novena, e Vania Gregores, décimo cuarta. Pola súa banda, Sarela Conde abandonou.
Final axustado
Houbo que agardar aos últimos metros para coñecer ao gañador da carreira júnior masculina. Ricardo Buba batallou ata a recta final contra dous ciclistas do Teika e acariciou a vitoria. O gondomareño da Selección de Galicia tivo que conformarse co segundo posto. Bateuno por 2" Iván Gomar e a 6" do gañador terminou Pau Martí.
O combinado autonómico contou con outro representante no top-5 xuvenil. O tudense Iván Fernández pugnou por ser cuarto co noruegués Fredik Fjaerli, que superou ao galego por 3". No balance da Selección tamén hai que anotar a 18ª posición de Martín Sestelo, a 20ª de Héctor García, a 27ª de Xano Gil e a 28ª de Hugo Martínez.
Cadetes
A colleita de podios galegos en Xàtiva ampliouna María Filgueiras nas cadetes. A betanceira da formación cántabra Río Miera subiu ao segundo chanzo do caixón despois dunha carreira na que se impuxo por 8" á terceira clasificada Raquel Pérez (Sonido Energym). Leyre Almena (Teika) asinou un triunfo incontestable por 1:23 de marxe. En canto á proba cadete masculina, os dous únicos participantes galegos metéronse entre os quince primeiros. Santiago Otero (XSM) logrou a sexta praza e o seu compañeiro de equipo Xoel Cidrás, a décimo cuarta.
A fin de semana de citas internacionais en terras valencianas pecharase este domingo co XXIV Ciclocross Internacional Ciudad de Valencia, evento tamén catalogado de clase C2.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es