09 DE ENERO DE 2022
Fotos: Luz Iglesias / RFEC
Nun circuíto moi rápido e seco, que en principio non era o máis favorable as súas condicións, o ciclocrós galego exhibiu a súa puxanza durante tres días na localidade valenciana de Xàtiva. A Selección logrou tres medallas de distinta cor este domingo na última xornada do Campionato de España: o ouro do júnior Ricardo Buba, a prata da júnior Laura Mira e o bronce do sub23 Miguel Rodríguez. Engadindo a terceira posición do elite Iván Feijoo coas cores do seu novo equipo, o MMR, os representantes autonómicos acumularon unha decena de podios na primeira gran cita do ciclismo estatal no 2022. Unha actuación de dez.
Compoñente do sexteto da Selección de Galicia que o venres se adxudicou a competición Team Relay de remudas por equipos, Ricardo Buba volveu festexar un triunfo na carreira coa que se abriu a xornada de clausura do campionato. O gondomareño tomou o mando da proba júnior dende o esprint inicial. As súas costas colocouse un escuadrón de corredores do Teika, pero só un dos ciclistas do conxunto que corría en casa, Raúl Mira, aguantou o ritmo que marcou o galego na primeira volta.
Mentres o seu compañeiro de selección Iván Fernández ía remontando postos e ocupaba a sétima praza no primeiro paso por meta, Buba atacaba en cabeza e marchábase en solitario. Dende a segunda volta ata o treito final do sexto e penúltima xiro ao circuíto, apenas variou o panorama no man a man entre o de Gondomar e Mira. Había uns dez segundos de diferenza entre eles, desvantaxe que o valenciano anulou xusto antes de que soara a campá.
O título júnior que defendía Galicia, tras a vitoria de Miguel Rodríguez no 2021 en Torrelavega, decidiuse nos últimos 2,5 quilómetros, pero Buba non agardou ao final. Lanzou outra ofensiva no ecuador da última volta e volveu descolgar a Mira. No mesmo escenario onde a mediados de decembro terminou segundo lucindo as cores da Selección nun evento do calendario internacional, desta vez proclamouse campión de España cun tempo de 42:25 e 3” de marxe sobre o segundo clasificado.
O podio completouno Carlos Gámez (Catalunya), entrando a 49” de Buba, e impedindo unha segunda medalla xuvenil de Galicia nesta carreira ao bater por 4” a Iván Fernández. O tudense cruzou a liña de meta en cuarta posición e lamentando non ter culminado a súa gran remonta co premio do bronce. André Martínez, o outro corredor da Selección nesta proba, viuse afectado por unha avaría cando loitaba polos postos do top-10 e a súa participación en Xàtiva concluíu na cuarta volta.
De novo prata
Por terceiro ano consecutivo Laura Mira subiu ao podio do Campionato de España de Ciclocrós. Gañadora cadete no 2020 en Pontevedra, a porriñesa repetiu en Xàtiva a prata júnior acadada o ano anterior en Torrelavega. A xuvenil da Selección de Galicia comezou mandando no arranque, pero Marta Beti (Cantabria) fixo o seu mellor parcial na primeira volta e resultou inalcanzable para a galega.
A cántabra venceu por 31” de marxe e Mira mantivo con solvencia a segunda posición. María Modenes (Euskadi) fíxose co terceiro posto a 23” da ciclista do Porriño. Entre as 30 primeiras remataron tres galegas máis: Uxía Soto (Selección) 12ª, Vania Gregores (Ponteareas) 21ª, Sarela Conde (Selección) 24ª e Sonia Domínguez (Team Farto-BTC) 27ª.
As juniors compartiron quenda coas elites e sub23. Nunha carreira raíña feminina que foi un monólogo da elite asturiana Lucía González (Nesta), empezou moi forte Irene Trabazo. A elite da Selección, cuarta na primeira volta, terminou ocupando a novena posición absoluta e a sexta na súa categoría. A 36” da marinense e a 49” do bronce sub23 quedou Carla Fernández (Selección). Á viguesa, undécima na xeral, correspondeulle a cuarta praza no seu grupo de idade.
Bronce sub23
O guión máis imprevisible de todo o campionato escenificouse na proba sub23 masculina. O prognóstico apuntaba a que o ponteareán Miguel Rodríguez se ía xogar o título con Gonzalo Inguanzo (Supermercados Froiz) e os dous se atoparon nun cara a cara ás primeiras de cambio. A marcaxe entre ambos aproveitouna Iñaki Guaresti (Euskadi) para unirse a eles e máis tarde fixo o mesmo Javier Zaera (Aragón), que chegou a rodar con 20” de desvantaxe respecto á cabeza.
Rodar nun cuarteto non agradaba ao representante de Galicia, que realizou un poderoso cambio de ritmo a falta de catro voltas e outro no antepenúltimo xiro. O seu segundo intento fixo dano aos seus acompañantes e Rodríguez conseguiu distanciarse. Porén, Zaera conseguiu volver situarse a súa roda e o aragonés pasou ao ataque antes da última volta. Un movemento que acusou o galego. O de Ponteareas cedeu e de seguido tamén foi superado por Inguanzo.
No seu primeiro ano na categoría, Rodríguez correu para gañar e tivo que conformarse co bronce, a 19” do novo campión sub23 Zaera. No resto da actuación galega Zoe del Río (XSM) acabou 12º, Anxo Carril (Coruxo) 20º, Brais Fernández (Maceda) 23º e Borja Gómez (Selección) 27º.
Remonta de podio
O pano baixouse en Xàtiva coa competición elite masculina. Na súa estrea na carreira raíña masculina do estatal de ciclocrós, o alaricano Iván Feijoo deulle a primeira alegría ao MMR, o seu novo equipo. O triplo campión de España sub23 fixo valer na saída a súa punta de velocidade. Felipe Orts (Burgos BH), que non concedeu ningún tipo de opción aos seu rivais, adiantouno de contado e o ourensán chegou a baixar ata a sétima praza. A partir de aí, nunha proba que se disputou con moito vento, foi remontando e a súa progresión levouno a asaltar a terceira praza a falta de tres voltas para o remate.
Feijoo non permitiu que se lle achegara Ismael Esteban (Dugan Team), que sufrira unha picada, e compartiu podio con Kevin Suárez (Nesta) e Orts. A Selección de Galicia contou nesta proba con Samuel González, 14º, e Saúl López (Maceda) clasificouse 15º.
En total, a colleita de metais galegos en terras valencianas, entre os logrados pola Selección e polos ciclistas que competiron polos seus equipos, alcanzou a decena: catro ouros -Team Relay, o da cadete María Filgueiras, o da máster-40 Marina González (Illas Cíes) e o do júnior Ricardo Buba-, tres pratas -a da cadete Aroa Otero, a do máster-40A Andrés Calvete e a da júnior Laura Mira- e tres bronces -o do máster-40 B Moisés Leboso (G.D. Diez), o do sub23 Miguel Rodríguez e o do elite Iván Feijoo (MMR)-.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es