Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Jorge Punzón proclámase campión de España de Eliminator e Danny Buba cólgase o bronce

24 DE JULIO DE 2022

O porriñés do Cosmos conseguiu o seu primeiro título estatal tras adxudicarse a final en Candeleda por diante do andaluz Alberto Mingorance e do gondomareño da Selección de Galicia

Jorge-Punzon-proclamase-campion-de-Espana-de-Eliminator-e-Danny-Buba-colgase-o-bronce

Un galego coroouse por primeira vez campión de España de Eliminator (XCE). Jorge Punzón, que contaba nesta especialidade cunha prata e un bronce, impúxose este sábado na contra o reloxo clasificatoria e en todas as roldas do evento celebrado na localidade abulense de Candeleda. O porriñés selou o seu éxito nunha final que dominou por diante do andaluz Alberto Mingorance (Vas-Cycling Friendly) e na que o gondomareño Danny Buba, coas cores da Selección de Galicia, completou o podio.

A dobre ledicia para o BTT galego chegou nun Eliminator de perfil urbano no que participaron 45 bikers no cadro masculino. A competición arrancou baixo unha intensa calor coa contra o reloxo clasificatoria nun circuíto “no que é moi fácil cometer erros porque é moi rápido e esvara bastante o chan”, como apuntou Jorge Punzón. O corredor do Porriño conseguiu o seu obxectivo “de coller o mellor caixón, que era o de dentro” tras ser o máis rápido cun tempo de 1 minuto e 13 segundos, batendo por 1” a Mario Junquera (Asturias). Entre os dez primeiros, sétimo, clasificouse Martín Sestelo (Selección de Galicia).

A crono outorgou 32 billetes para as roldas eliminatorias, carreiras de catro corredores nas que acceden á seguinte rolda os dous primeiros. Dende os oitavos de final ata a quenda definitiva, Jorge Punzón cumpriu coa estratexia marcada: “Sabía que a clave estaba na saída para chegar tranquilo á subida e aí apertar ben. Ata as semifinais non tiven que facer un esprint final forte”.

Martín Sestelo e Anxo Carril, dous dos tres representantes da Selección de Galicia, quedaron apeados na primeira rolda eliminatoria. Na segunda, nos cuartos de final, non pasou o corte o porriñés Alberto Pedreira (Bici Verde) e os dous galegos que accederon ás semifinais conseguiron meterse no duelo a catro polo título e as medallas.

Final

Jorge Punzón e Danny Buba compartiron cartel na carreira definitiva cos andaluces Alberto Mingorance e Francisco Bernal (Gacosur). “Saín a tope como en todas as mangas, cheguei primeiro á zona máis complicada, que é a das escaleiras, e xa non fixo falta esprintar”, resumiu o gañador.

Con esta vitoria Punzón resarciuse da caída que o ano pasado lle impediu en Sabiñánigo loitar polo título estatal. Prata no 2019 en Arguedas e bronce no 2020 en Barcelona, esta vez o porriñés subiu ao alto máis alto do caixón escoltado por Alberto Mingorance e Danny Buba. “Preparárao moi ben e o circuíto adaptábase ás miñas características. Obxectivo cumprido”, indicou satisfeito o biker do Cosmos.

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Jorge Punzón proclámase campión de España de Eliminator e Danny Buba cólgase o bronce
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es