13 DE AGOSTO DE 2023
Fotos: Sprint Cycling / Fco Javier Bandín
Resultados de moito nivel para a maioría dos galegos que representaron á selección española no 'Súper Mundial' de Glasgow. O paraciclista Damián Ramos, que na Pista obtivera a oitava praza na clase C4, asinou unha cuarta e unha quinta posición nas probas de Estrada, mentres que tamén sobre o asfalto Carlos Canal finalizou undécimo na carreira en liña Sub23 despois dunha portentosa actuación. A estes postos de honra hai que engadir o sétimo de Ángel Suárez no DHI Elite durante os primeiros días de competición en Escocia.
Ata en dúas ocasións Damián Ramos quedou ás portas do podio na bicicleta adaptada. O coruñés fixo cuarto o xoves na contra o reloxo individual, a 19" do checo Josef Metelka, que se colgou a medalla de bronce, e a 1'33" do gañador, o francés Kevin Le Cunff. Aínda máis cerca de subir ao caixón estivo este sábado na proba de fondo, ao xogarse a terceira posición ao esprint nun cuarteto. Ao mellor español na clase Paralímpica C4 batérono no desenlace dos 93 quilómetros de percorrido o británico Archie Atkinson e o francés Gatien Le Rousseau, terceiro e cuarto respectivamente, polo que lle correspondeu unha máis que meritoria quinta praza. Este grupo cruzou a liña de meta a 1'55" de Le Cunff, que repetiu vitoria.
Máis que o posto na clasificación, o que se vai recordar do primeiro Mundial en Estrada de Carlos Canal vai ser o seu carreirón. O limiao demostrou unhas pernas extraordinarias nos 168,4 km entre Loch Lomond e Glasgow. Camiño do circuíto urbano, realizou o seu primeiro movemento: "Intentei de saída coarme nun grupo para chegar con algo de vantaxe ao circuíto e evitar as caídas e as tensións das primeiras voltas. Ao final, como Bélxica non levaba a ninguén diante, pilláronnos antes de entrar".
Ao non poder alcanzar a fuga de cabeza, Canal cambiou de estratexia e centrouse en "esperar e vixiar un pouco aos máis fortes. Veunos moi ben que Iván Romeo fixo un carreirón e meteuse diante. Fun gardando un pouco e cubrindo os ataques para que durase o máximo posible". Nese traballo de equipo o ourensán ofreceu un recital que non lle impediu exhibirse na última volta. Marchouse en solitario do pelotón, alcanzou a varios corredores e concluíu undécimo, a 1'43" do vencedor Axel Laurance (Francia), e como segundo mellor español, dado que Iván Romeo acabou oitavo.
"Viñamos buscando o máximo, pero nos imos contentos porque demostramos que fumos dos máis fortes. Tanto o equipo como eu corremos moi ben, sempre ao ataque e estando nos cortes de cabeza", resumiu un satisfeito Canal.
Cross Country Olímpico
Outro ourensán como Pablo Rodríguez tamén competiu este sábado e encargouse de baixar o pano do ciclismo galego en Glasgow. No Cross Country Olímpico (XCO) Elite dominado polo británico Tom Pidcock, o macedao non tivo un bo día e rematou a carreira no posto 62º. Tampouco lle deixou un sabor de boca agradable a súa participación no Team Relay do mércores, a proba por remudas que España non completou por mor dun problema mecánico da sub23 Lucía Gómez.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es